- O conselleiro do Mar abordou otros asuntos de interese para o municipio como a reparación do dique flotante danado a causa dun temporal do nordés o pasado 21 de abril
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Mañón, Alfredo Dovale, o patrón maior da confraría de O Barqueiro, Antonio Gómez, e a representante da agrupación de mariscadoras, Cristina Trasancos, para abordar os principais asuntos de interese do sector pesqueiro desta zona. Na xuntanza o responsable autonómico trasladou ao rexedor mañonés os avances na tramitación por parte de Portos de Galicia da reversión da caseta do porto de Bares. O procedemento está moi avanzado e desde Portos se manterán contactos nos vindeiros días para seguir avanzando na tramitación.
Por outra banda, o titular de Mar tratou cos profesionais do mar a situación do dique flotante no porto do Barqueiro que sufriu a rotura dunha peza de anclaxe o pasado 21 de abril, días despois da súa instalación, a causa do temporal do nordés. Alfonso Villares destacou que desde Portos de Galicia se está traballando coa empresa para que se acometa o antes posible a súa reparación e na avaliación doutras posibilidades técnicas que permitan o reforzo do abrigo. Nesta liña subliñou que o mesmo día 22 de abril desprazáronse varios técnicos para axilizar esta actuación que corresponde á empresa responsable desta obra que aínda non fora recepcionada polo ente público.