Mª José Gómez e Alfonso Villares ensalzan a promoción que fai a hostelería dos alimentos do mar e do agro

Os conselleiros de Medio Rural e do Mar, María José Gómez e Alfonso Villares, respectivamente, participaron esta noite na Gala Provincial da Hostalería Lucense, onde quixeron poñer en valor e agradecer o esencial traballo que na promoción dos produtos do agro e do mar exercen os propietarios dos locais e os cociñeiros, figuras que moitas veces coinciden. No acto que se celebrou no Hotel Méndez Núñez de Lugo e onde o sector da provincia se xuntou este ano para amosar a súa unión ao tempo que distinguía aos seus profesionais máis senlleiros, esta vez arroupados polos dous responsables do sector primario na Xunta, tamén lucenses.

Nunha xornada de especial importancia tanto para María José Gómez como para Alfonso Villares, que pola mañá xuraron e prometeron o seu cargo (a responsable de Medio Rural estreouse no cargo, mentres o de Mar o revalidaba), quixeron felicitar aos hostaleiros homenaxeados nesta ocasión cos premios Toda unha vida nos fogóns, que foron para Carlos e Jaime, da Cafetería Nevada (Lugo); José Ramón, do Restaurante Mazo de Santa Comba; Carmen e Horacio, do Restaurante Río Lor, de Quiroga; e Manolo, do Restaurante La Casilla, de Guitiriz. Os conselleiros aplaudiron un traballo de tantos anos que deixa, con cada receita e prato que poñen á mesa dos seus comensais, o mellor sabor de boca.