Preto de 5 M€ para desenvolveer 70 proxectos dos GALP que dinamizan as zonas costeiras do conjunto de Galicia

  • O DOG publicou a resolución onde se detallan os concellos, asociacións, confrarías, empresas e emprendedores que recibiron respaldo na convocatoria para 2023, e ata o próximo día 29 de febreiro está aberta a presentación de iniciativas da de 2024  
  • A galega foi a primeira comunidade autónoma que seleccionou os oito grupos locais de desenvolvemento, aprobou as súas estratexias e que lanzou as achegas ao abeiro do novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura 
  • Entre 2016 e 2022 estas entidades desenvolveron máis de 700 accións cun apoio público de máis de 37 millóns de euros cofinanciados co anterior FEMP que propiciaron máis do dobre de investimento e a creación de máis de 400 empregos directos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolleu hoxe a resolución das axudas concedidas, na convocatoria de 2023, para o financiamento de proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), cofinanciadas nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). En total foron preto de 5 millóns de euros os mobilizados para poñer en marcha un total de 70 actuacións que están a desenvolver concellos, asociacións, confrarías, empresas e emprendedores repartidos de norte a sur por toda a costa galega.

Estes apoios mobilizaron xa 665.316 euros na anualidade para 2023, 3,8 millóns de euros para este exercicio e conta con preto de 485.500 € máis para o vindeiro debido a proxectos programados a varios anos. Inclúense dentro dun orzamento global de 18,4 millóns de euros para as iniciativas que se desenvolverán entre 2023 e 2025. A resolución publicada no DOG polo departamento que lidera en funcións Alfonso Villares é a primeira dentro do marco do Fempa e na actualidade está aberta a convocatoria para o ano 2024, que mantén ata o vindeiro día 29 de este mes de febreiro o prazo para presentar proxectos. 

Deste xeito, os potenciais beneficiarios destas axudas -pequenas e medianas empresas e persoas autónomas así como persoas xurídicas sen ánimo de lucro como as confrarías de pescadores ou outras entidades do sector- poden presentar as súas iniciativas ao abeiro dos oito GALP existentes na comunidade para aumentar o valor, crear emprego, valorar o fomento da participación das mulleres, atraer xente nova e promocionar a innovación en todas as fase da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura.

Entre os obxectivos das iniciativas tamén están o fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas, o aproveitamento do patrimonio medioambiental -incluídas as operación de mitigación do cambio climático-, o fomento do benestar social e do patrimonio cultural ou o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e a gobernanza dos recursos e actividades marítimas locais. Para poder aplicar as estratexias de desenvolvemento local participativo, a Consellería do Mar seleccionou a finais de 2022 os oito GALP que hoxe están en funcionamento. 

Na resolución publicada hoxe o GALP A Mariña-Ortegal totaliza seis iniciativas nas que se investirán algo máis de 295.400 euros; o GALP Golfo Ártabro Norte ampara 11 proxectos por 787.300 euros; o GALP Costa da Morte suma 6 actuacións con máis de 608.259 euros de apoio; van outros 679.270 euros para o GALP Costa Sostible que impulsarán 12 accións; o GALP Ría de Arousa, tamén cunha ducia de proxectos, supera os 685.000 euros;  o GALP Ría de Pontevedra mobiliza oito actuacións e 706.600 euros de axudas; o GALP Ría de Vigo-A Guarda, con 11 iniciativas, rolda o millón de euros; e o GALP Golfo Ártabro Sur suma outras catro accións que se achegan aos 200.000 euros.

Estes oito grupos engloban a máis de 400 organizacións locais en representación dos sectores económicos, sociais e públicos, das que preto dun cento pertencen ao sector pesqueiro representando a máis de 13.000 profesionais do mar. Neste sentido, Galicia é a primeira comunidade autónoma que ten os grupos seleccionados, as súas estratexias aprobadas e lanza a convocatoria de axudas a proxectos ao abeiro do Fempa.

Resultados período FEMP

Entre 2016 e 2022, dentro do marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), desenvolvéronse algo máis de 700 proxectos ao abeiro dos GALP cun apoio público de máis de 37 millóns de euros e un investimento total de preto de 80 millóns de euros. 

As iniciativas postas en marcha permitiron xerar máis de 400 empregos directos a tempo completo e a actividade inducida no conxunto da economía superou os 215 millóns de euros e supuxo a xeración de máis de 4.500 postos de traballo entre directos e indirectos froito do desenvolvemento dos proxectos ou da actividade apoiada.