O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica en funcións, Antonio Basanta, participou este mércores na conversa organizada polo Ateneo de Santiago e a Asociación Federalista de Galicia na que abordou as ‘Achegas de Galicia á Política Pesqueira Común (PPC)’, destacando entre os puntos máis importantes que se demandan desde a comunidade á hora de reformar a PPC a necesidade de velar polas zonas altamente dependentes da pesca, defender a actividade artesanal e promover a articulación de medidas que propicien a tan necesaria remuda xeracional neste sector estratéxico para a comunidade galega.
Unha década despois desde a última reforma de calado tanto o sector como a propia Xunta demandan cambios importantes que lle devolvan o equilibrio á política pesqueira europea, hoxe escorada cara ao ambientalismo, para que o compoñente social e o económico se sitúen á par como os tres piares do sector marítimo-pesqueiro, reclamou Antonio Basanta. Defendendo sempre a aposta pola sustentabilidade da frota galega, tamén demandou que esta nova PPC se sustente sobre unha base científica sólida e chegue ao conxunto da cadea mar-industria, desde a actividade extractiva e a acuicultura ás empresas transformadoras e os seus traballadores.