- Trátase da primeira fase das actuacións previstas neste peirao que suporá a retirada de 139.335 m3 de material do canle de acceso e das dársenas pesqueira e comercial de Mirasol
- O conselleiro destacou que a Administración autonómica ten previsto realizar outras melloras no entorno portuario acondicionando locais, terreos e instalacións que suporán un desembolso de 800.000 euros
- O Goberno galego investiu máis de 13 millóns de euros en medidas de apoio ao sector pesqueiro con melloras nas infraestruturas portuarias, apoiando a competitividade, innovación tecnolóxica e o desenvolvemento pesqueiro
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor os avances na execución dos traballos de dragaxe no porto de Ribadeo nos que a Xunta, a través de Portos de Galicia, inviste preto de 2 millóns de euros. Así o manifestou acompañado polo presidente da entidade portuaria autonómica, José Antonio Álvarez, pola xefa territorial na Mariña, María do Carmen Gueimunde, e polo alcalde do municipio, Daniel Vega, durante a visita ao peirao onde subliñou a aposta do Goberno galego por seguir actuando na constante mellora das infraestruturas portuarias da comunidade, fundamentais no desenvolvemento da actividade comercial e cun especial impacto no sector pesqueiro.
Estas operacións de dragado corresponde á primeira fase das catro nas que se dividen as actuacións previstas no peirao lucense de xeito plurianual nas que se ten previsto investir 5,5 millóns de euros. A actuación principal é a retirada de 139.335 m3 de materiais da canle de acceso ata acadar a cota -5 e das dársenas pesqueira e comercial de Mirasol ata acadar a cota -2. En total, e contando cos sobredragados, serán recollidos 172 mil m3 de áridos dos cales 135 mil serán depositados na praia de San Miguel de Reinante e o resto, non apto para alta mar, a uns 5 km da zona de dragado.
O responsable autonómico destacou que con estas obras se da resposta a unha necesidade de mellorar a operatividade desta infraestrutura portuaria e explicou que o seu departamento ten previsto realizar outras actuacións complementarias dirixidas a mellorar o entorno portuario coa pavimentación do porto comercial e do porto de Rinlo, situado na mesma localidade, no que se investirán 215.000 euros. A esta previsión engadiu o acondicionamento de locais, terreos e instalacións do peirao lucense que suporán un desembolso adicional de 800.000 euros.
Esforzo inversor
O conselleiro resaltou o esforzo inversor realizado pola Xunta desde o 2009 no ámbito portuario e pesqueiro que alcanzou os 13,3 millóns de euros que foron dirixidos principalmente á mellora e mantemento das infraestruturas portuarias, proxectos vencellados ao desenvolvemento pesqueiro así como ao apoio da competitividade e innovación tecnolóxica deste sector e a súa industria transformadora.