Villares situa a acuicultura ecologica como un piar fundamental na sustentabilidade e futuro do sector pesqueiro

  • O responsable autonómico destaca a posición dos alimentos mariños con esta certificación que xa representan máis do 17% da facturación, que se sitúa en preto dos 20 millóns de euros anuais, coas conservas de peixe e as algas como produtos estrela 
  • Esta iniciativa, que nace froito dun convenio entre a Consellería do Mar e Craega, consiste na visita de varios concellos dunha foodtruck que repartirá petiscos e informará á cidadanía das bondades dos produtos pesqueiros ecolóxicos 

Desde o Goberno galego continúase reforzando as campañas de promoción e divulgación das propiedades e beneficios para a saúde que hai detrás do consumo do peixe, marisco e conservas. Nunha tarefa na que a Consellería do Mar e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) colaboran co lanzamento da iniciativa ‘Ecolóxicos a mares’ que ten como obxectivo difundir e mellorar a comercialización dos produtos ecolóxicos do mar galego e contribuir a consolidar a Galicia como referente internacional no sector acuícola.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acudiu ao acto de presentación desta nova acción no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa onde manifestou o importante papel da acuicultura  na consecución da imprescindible soberanía alimentaria así como na conservación dos recursos mariños. Nesta liña, puxo en valor que a nosa comunicade conta cun enorme potencial neste ámbito grazas aos ecosistemas de alto valor ecolóxico da costa galega.

O responsable autonómico sinalou que o sector ecolóxico certificado de Galicia segue consolidando o seu crecemento alcanzando unha facturación de 113 millóns de euros e xa conta con presenza en 279 municipios galegos. Neste contexto, a acuicultura ecolóxica representa máis do 17% da facturación coas conservas de peixe e a acuicultura e recolleita de algas como produtos estrela. Unha tendencia á alza sustentada nunha demanda crecente nos mercados con consumidores cada día máis sensibilizados a nivel ambiental e que procuran alternativas á produción industrial.

Alfonso Villares resaltou que esta iniciativa súmase a outras accións impulsadas desde a Xunta como a campaña GALICIA SABE AMAR que tamén ten como obxectivos a difusión do sabor e calidade dos produtos do mar galegos e as súas propiedades nutritivas e culinarias así como os beneficios que hai detrás do seu consumo.  Ademais, tamén trata de impulsar a venda de estes alimentos e poñer en valor o labor dos profesionais do mar. 

Foodtruck itinerante

A campaña ‘Ecolóxico a mares’ contará cunha foodtruck que visitará a partir do 14 de setembro e durante unha semana varios municipios galegos (Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Sanxenxo, Lugo e Ribadeo) onde repartirá petiscos de produtos ecolóxicos do mar. Por outro lado, repartirá material informativo sobre as bondades destes alimentos promovendo a confianza do consumidor e fomentado un sistema produtivo máis responsable e sostible.