Villares remarca que Galicia defende ao sector como axente esencial no subministro de alimentos de calidade para a soberania alimentaria

  • Sitúa a colaboración institucional como elemento clave para gañar en valorización e difusión dos produtos do mar, favorecendo o consumo saudable e sostible, a través dun uso respectuoso co medio mariño 
  • Nun contexto no que o sector demanda estabilidade económica e política, fai un chamamento á responsabilidade do Goberno, pois non pode existir reactivación do consumo sen medidas como a baixada ou eliminación do IVE
  • A clausura do foro, prevista para mañá, tamén correrá a cargo do titular autonómico

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, remarca o compromiso da Xunta de Galicia na defensa do sector como axente esencial para a subministración de alimentos de calidade e a garantía da soberanía alimentaria. Con esta mensaxe, o responsable autonómico puxo en valor o esforzo do departamento que dirixe, pois a colaboración institucional é un elemento necesario para gañar en valorización e difusión das potencialidades dos produtos do mar e favorecer con elo hábitos de consumo saudables e sostibles, a través dun uso respectuoso do medio mariño.

Así o trasladou na inauguración da Xi Conferencia Internacional ARVI sobre o Futuro da Pesca: La pesca como garante de la soberanía alimentaria. El papel de las flotas de media y larga estancia, organizada pola Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, e que se desenvolve na cidade olívica ata mañá venres.

Neste contexto, no que o sector demanda unha estabilidade política e económica que garanta unha menor volatilidade no exercicio da súa actividade e o acceso igualitario ás materias primas no mercado, Villares considera que non pode existir reactivación do consumo sen unha baixada do IVE aos produtos do mar. E é que, coa súa redución ou eliminación para igualar este tipo impositivo ao doutros países da Unión Europea, conseguiríase estimular a demanda interna, mellorar as previsións de crecemento económico, aliviar as situacións das familias e obter amplos beneficios na salubridade. 

Por este motivo, e nun exercicio de compromiso co sector, o titular de Mar volveu apelar á responsabilidade do Goberno nesta materia, xa que se trata dunha decisión que só depende da vontade política do Executivo estatal, e que non está a aplicar, a pesares de que o Parlamento Europeo, a Comisión Europea, a Comisión Nacional de Mercados e a Competencia e o Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura a apoian, sinalándoa como positiva para frear a inflación. Unha posición que, lembrou o conselleiro, tamén foi ratificada pola comunidade universitaria; concretamente, polo Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da Universidade de Santiago de Compostela.

Clausura a cargo de Villares

O foro, no que tamén se abordará tanto a dimensión exterior, como dende Galicia da revisión da Política Pesqueira Común (PPC), contará coa intervención de reputados científicos e expertos na materia, ademais da dos directores xerais de Desenvolvemento Pesqueiro e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Marta Villaverde e Antonio Basanta; respectivamente. A clausura terá lugar este venres, a partires das 13:30 horas, e correrá de novo a cargo de Alfonso Villares.

Encádrase no obxectivo que está a desempeñar dende hai 60 anos esta Cooperativa en prol da investigación ao redor do mundo da pesca e das bondades do consumo dos produtos que saen da nosa costa. ARVI conta cun total de 140 socios e unha frota de 180 barcos, ademais dunha decena de asociacións e dúas organizacións de produtores con personalidade xurídica e actividade separada, polo que a suma agregada de todas as organizacións alcanza os 240 membros e as 380 embarcacións.