Villares reclama ao governo central axilidade na activación dun PERTE “en condicións” para a cadea mar industria

  • O titular do Mar criticou a proposta de “mini Perte” do Executivo estatal de 50 millóns de euros, moi lonxe dos 400 millóns reclamados polo sector e dos 1.000 millóns concedidos ao Perte Agroalimentario  
  • Sinalou a necesidade dun Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) específico para a cadea mar-industria “en condicións”, que permita acometer importantes inversións e gañar competitividade 
  • O conselleiro destacou a importancia do sector transformador dos produtos pesqueiros como motor económico, que xera valor engadido e emprego de calidade  así como a súa aposta pola innovación tecnolóxica 

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, reclamou ao Goberno central que axilice a activación do Perte para a cadea mar-industria para que o sector poda acometer as inversións necesarias para abordar a súa transformación e modernización que lle permita gañar competitividade. O responsable autonómico realizou estas manifestacións acompañado polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, durante a vista ás instalacións da empresa local Portosin Fiss na que tamén demandou que esta liña de axudas europeas teñan unha dotación económica suficiente que permita alcanzar os seus obxectivos.

O titular de Mar criticou a proposta de “mini” Perte anunciado polo ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, o pasado 29 de xaneiro dotado con 50 millóns de euros dos cales 40 millóns serían en subvencións e os 10 millóns restantes a préstamos. Unhas cantidades que cualificou de insuficientes tendo en conta a relevancia económica do conxunto da cadea mar-industria na comunidade cunha facturación de 9.000 millóns de euros anuais que emprega a 50.000 persoas e cun marcado carácter exportador xa que segundo as previsións no 2023 superouse a cifra récord de 2.700 millóns de euros alcanzados no 2022. Nesta liña, tamén recordou co Perte Agroalimentario foi dotado con 1.000 millóns de euros e pola contra, en esta ocasión, ni tan sequera chega aos 400 millóns solicitados polo propio sector.

Alfonso Villares puxo en valor a contribución de empresas como Portosin Fiss, e o traballo das 50 persoas empregadas nesta factoría, ao liderado do sector pesqueiro galego a nivel internacional, referente en boas prácticas medioambientais, e innovación tecnolóxica. Un bo facer dixo, que se ve reflectido na súa traxectoria de éxito respectando no procesado a excelente calidade da materia prima para que chegue ao cliente nas mellores condicións posibles. 

O responsable autonómico resaltou o modelo de cogobernanza que mantén o Goberno galego co propio sector que permite adecuar as axudas ás necesidades reais das propias empresas e profesionais reforzando a competitividade do conxunto da cadea mar-industria que xoga un papel decisivo na soberanía alimentaria do conxunto do continente europeo. Neste punto Alfonso Villares sinalou que o 70% do peixe consumido na Unión Europea é importado polo que reclamou ás institucións europeas e nacionais que permian incrementar as capacidades de pesca da frota galega e afondar nas campañas de promoción do consumo dos produtos pesqueiros como elementos esenciais dunha dieta equilibrada e saudable.

Modernas instalacións

O conselleiro coñeceu da man dos responsables da empresa as modernas instalacións coas que conta a compañía en Porto do Son que se suman ás que contan en Boiro nas que ofrecen un servizo de almacenamento frigorífico previo a súa distribución no que se mantén un escrupuloso control da cadea de frío. No 2023 puxeron en marcha melloras dirixidas a introducir as últimas tecnoloxías para afondar na sustentabilidade medioambiental da actividade. Na actualidade teñen unha capacidade de almacenamento de 2.000 toneladas de produto así como para mercadoría en depósito aduaneiro.