O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu hoxe en Vigo a reunión do Padroado do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, que aprobou as contas do exercicio 2023, cando a institución galega superou os 4 millóns de euros en ingresos, fundamentalmente pola súa actividade na execución de proxectos e servizos no ámbito da investigación mariña.
No transcurso da reunión, a directora-xerente de CETMAR, Paloma Rueda Crespo, deu conta ao Padroado no seu informe de xestión da actividade do centro, que na actualidade está a traballar en 63 proxectos e servizos relacionados coa mellora do medio mariño, dos seus recursos e dos sectores que viven del. A maioría das accións en marcha, de ámbito internacional, contan con financiamento europeo (38) e autonómico (25).
Desde a súa creación no ano 2001, CETMAR traballou en mais de 620 proxectos e servizos por un valor global que supera os 420 millóns de euros.