Villares pon en valor o desenvolvimento polo CIMA de 11 novos proyetos de investigación por un valor de 1,4 M€

  •  O titular de Mar destaca o traballo científico desenvolvido polos centros científicos autonómicos en favor da actividade pesqueira e marisqueira e a súa contribución á xestión racional e eficaz dos recursos mariños 
  • Presentáronse tres proxectos entre os que destaca o dirixido a obtención de estirpes de berberecho tolerantes ao descensos de salinidade no que participan o campus de Lugo da USC e a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou que este ano o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) desenvolverá once novos proxectos de investigación por valor de preto de 1,4 millóns de euros. Así o manifestou acompañado polo director do centro autonómico, Carlos Gabín, na visita a súas instalacións en Corón, no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa. Estes proxectos súmanse aos cinco iniciados no 2023, tres dos cales xa foron finalizados e que se complementan coa participación nas iniciativas impulsadas por Redemar.

O responsable autonómico amosou a súa confianza no labor de investigación que desenvolven os profesionais que traballan no CIMA e no resto de centros dependentes da Consellería do Mar que xogan un papel crucial dentro do conxunto da cadea mar-industria. Ademais, resaltou que a nosa comunidade é referente nacional e europeo no ámbito das ciencias mariñas e situou aos centros de investigación como os mellores aliados para afrontar con éxito os desafíos aos que se enfronta o sector marítimo- pesqueiro. 

Nesta liña, explicou que os proxectos que se desenvolven sempre están orientados a súa aplicación directa na actividade pesqueira e marisqueira, axudando a unha xestión racional e eficaz dos recursos mariños renovables e asesorando á administración pesqueira galega á hora de deseñar as respostas ás demandas dos sectores produtivos. Con este fin, o CIMA traballa en catro liñas de investigación: procesos oceanográficos costeiros, os recursos mariños, a acuicultura e a patoloxía.

Novas estirpes

Na visita foron presentados tres novas iniciativas. A primeira, da cal se está preparando a súa candidatura para a súa posterior aprobación, aborda a obtención de estirpes de berberecho tolerantes aos descensos de salinidade na que, ademais, participarán o campus de Lugo da USC e a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra co obxectivo de conseguir un bivalvo máis resistente á auga doce xa que, atendendo ao acontecido este último outono nas rías galegas, constitúe unha das maiores preocupacións para os produtores. 

A segunda, no marco do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, trata sobre o desenvolvemento de novos sistemas de acuicultura multitrófica integrada empregando macroalgas que pretende combinar o cultivo do linguado co de alga verde (leituga de mar), de crecente valor engadido. A última estuda a infección do berberecho cerastoderma edule polo protozoo martelia cochillia, que coloniza e inutiliza a glándula dixestiva do bivalvo conducindo a súa morte por inanición. O obxectivo é coñecer a ruta de introdución e saber máis sobre as primeiras etapas do desenvolvemento da marteliose.