Villares pon en valor a pesca artesanal como modelo de sustentabilidade e destaca a pescada da volanta como sinónimo de calidade, frescura e sabor

  • O conselleiro resalta a traxectoria desta empresa, fundada no 2005, referente nacional na distribución desta especie da que se comercializaron na rula cedeirense 670 toneladas o ano pasado 
  • Juan García Pesca participou xunto con armadores ‘volanteiros’ locais na creación da etiqueta DoNorte co obxectivo de que este produto, moi valorado nos mercados, sexa facilmente recoñecido polos consumidores 
  • O responsable autonómico sinalou a importancia do conxunto da cadea mar-industria nos concellos costeiros como motores de actividade económica e xeración de emprego de calidade

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, visitou esta mañá as instalacións de Juan García Pesca no municipio coruñés de Cedeira onde puxo en valor a pesca artesanal como modelo de actividade pesqueira sustentable. O responsable autonómico enxalzou a importancia de apostar polo produto de proximidade e destacou a calidade, frescura e sabor da pescada de volanta, especie da que se comercializaron na rula deste concello 670 toneladas o ano pasado o que supuxo unha facturación de máis de 2,5 millóns de euros.

Alfonso Villares resaltou a traxectoria de Juan García Pesca, fundada no ano 2005, que grazas ao seu bo facer e apostando sempre pola calidade e coidado da materia prima é hoxe un referente nacional na súa comercialización, procesando 80 toneladas semanais. Na súa aposta por revalorizar este produto impulsou no 2020, xunto con armadores ‘volanteiros’ locais, a creación da marca DoNorte coa que identificar a súa pescada de costa co obxectivo de que este produto, moi valorado polas súas calidades nutricionais e culinarias nos mercados, sexa facilmente recoñecible por parte do consumidor.   

O titular de mar sinalou o importante papel que xogan as empresas de elaborados e comercialización dos produtos pesqueiros galegos dentro da cadea mar-industria, unha actividade esencial para a economía galega e de xeito moi especial para os concellos costeiros, contribuíndo ao dinamismo económico e a xeración de emprego de calidade. Nesta liña reiterou o compromiso do Goberno galego de continuar apoiando ao conxunto do sector pesqueiro para que manteña a súa posición de referente internacional de calidade, profesionalidade e sustentabilidade.