Villares pon en valor a fortaleza e a competitividade do sector pesqueiro galego como piares da sua presenza internacional

  • O responsable autonómico destaca a importancia de que as compañías galegas dominen todas as fases da produción, desde a captura da materia prima, ata comercialización do produto final para xerar un maior valor engadido 
  • Tamén enxalza os esforzos do conxunto da cadea mar-industria para afondar na súa transformación  e modernización dirixidas a garantir a sustentabilidade da actividade pesqueira e lamentou que non se vexa acompañados por un Perte á altura
  • O titular de Mar amosa a súa preocupación pola crise diplomática con Arxentina e insta a todas as administracións a traballar con mesura e responsabilidade como o Goberno galego en favor dos intereses compartidos a ambos lados do Atlántico

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor a fortaleza e competitividade do sector pesqueiro galego no marco dunha economía global que son os piares nos que sustenta o seu liderado e presenza internacional nos cinco continentes. Así o manifestou durante a visita ás instalacións do Grupo Iberconsa no peirao de Bouzas no concello de Vigo. Nesta liña puxo como exemplo a esta compañía, referente no ámbito da pesca, a transformación e a distribución de produtos do mar conxelados, líder mundial na comercialización de lagostino austral e de pescada conxelada.

O responsable autonómico destacou a importancia de que as empresas galegas abarquen na súa actividade o conxunto do proceso produtivo, desde a captura da materia prima nos distintos caladoiros, pasando pola elaboración ata a comercialización do produto final xerando o valor engadido. Ese dominio, é o que fai posible que a actividade pesqueira sexa un motor de desenvolvemento industrial, tecnolóxico e de emprego de calidade. No caso deste grupo empresarial, que integra na actualidade a máis de 20 sociedades, emprega a máis de 4.000 persoas das cales 550 son en Galicia.

O titular de Mar tamén enxalzou o esforzo do conxunto da cadea mar-industria por afondar na súa transformación e modernización co obxectivo de apoiarse nas novas tecnoloxías para avanzar na competitividade e sustentabilidade da actividade pesqueira. Lamentou tamén que este traballo non se vexa acompañado por parte do Goberno central cun Perte á altura dun sector que representa o 5% do PIB galego e que factura anualmente ao redor de 9.000 millóns de euros. Unha xestión que contrapuxo ao apoio e compromiso da Xunta no deseño e desenvolvemento de medidas en favor da actividade pesqueira.

Responsabilidade e rigor

Alfonso Villares amosou a súa preocupación ante a evolución da crise diplomática aberta entre España e Arxentina e instou a todas as administracións a traballar de forma conxunta con mesura e responsabilidade, como o ven facendo o Goberno galego, en favor dos intereses compartidos por ambos países aos dous lados do Atlántico. Recordou o recente viaxe institucional a Arxentina como exemplo desa labor así como a importancia estratéxica do país patagónico para a pesca galega cun volume de negocio que supera os 400 millóns anuais.