Villares pide ao Governo Central que rectifique e abandone a negativa a rebaixar o IVE aos productos do mar

  • O titular de Mar volve alzar a voz en apoio á cadea produtiva, pois a decisión unilateral do Executivo central prexudica notablemente ao sector marítimo-pesqueiro e ás súas industrias transformadoras 
  • Destaca que disminuír ou eliminar este imposto revertiría tanto no aumento do consumo, ao ser considerado como alimento de primeira necesidade, como na xeración de emprego

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pide ao Goberno central que rectifique e abandone a negativa de non rebaixar o IVE aos produtos do mar. Así o trasladou aos dirixentes do grupo de peixerías Armadores del Norte, en Vilalba, pois, esta decisión unilateral do Executivo estatal, prexudica notablemente ao sector marítimo-pesqueiro e ás súas industrias transformadoras.

Deste xeito, o titular de Mar volve alzar a voz para que o ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación atenda a demanda do sector que revertería nun aumento do consumo, ao ser considerado alimento de primeira necesidade, tanto pola súa fundamental aportación á saúde como polo impacto positivo que tería na cesta da compra. 

Alfonso Villares reiterou, de novo, o seu compromiso de seguir apoiando á cadea mar-industria galega, insistindo nas campañas de promoción para, conxuntamente co sector, conseguir que se consuman máis peixes e mariscos. E é que a exclusión destes alimentos provoca que se reduza o seu consumo, como evidencian xa varios estudos presentados da man das universidades galegas, e que se resintan os produtores, que configuran un piar básico para a economía española. 

A redución ou eliminación deste imposto aumentaría, por tanto, a adquisición dos produtos do mar e cos conseguintes beneficios para a saúde dos consumidores e económicos para o sector, como así o avalan os informes da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ou do Eumofa, o Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura, e  análise propia, elaborada por algúns dos maiores expertos en economía pesqueira da comunidade autónoma, que certifica que tomar esta decisión redundaría na creación de emprego e da riqueza. Precisamente, este estudo simula que un descenso do tipo de IVE do 10% ao 5%, se traduciría nun incremento total do valor engadido de 28,5 millóns de euros e a creación de ata 5.575 empregos. É dicir, os beneficios da baixada deste imposto son moi superiores ao custo que terá na recadación final.

Do barco á mesa

Los Armadores del Norte é un grupo de peixerías fundado por armadores tradicionais do Cantábrico que teñen por obxectivo mellorar o produto a través das súas mans, traballo e un sabor a sal na boca. En 2022 abren a primeira, en Vilalba, desde onde comparten este produto cos consumidores de forma que o pescado e o marisco vaia directamente do produtor ao consumidor.