Villares participa na liberación de tres tartarugas marinas e pon en valor a conservación das especies marinas e a diversidade dos océanos

  • O responsable autonómico destaca que o Goberno galego seguirá apostando por este tipo de iniciativas que contribúen a protexer os ecosistemas mariños
  • A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) destaca un incremento notable de tartarugas que chegan ás costas de Galicia

O Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou o impacto positivo das accións dirixidas a poñer en valor a conservación de especies mariñas, así como a importancia de difundir e concienciar ao conxunto da sociedade da riqueza e diversidade que esconden os océanos. Así o expresou no acto de liberación de tres tartarugas promovido polo Cemma, e que tivo lugar este martes a bordo da patrulleira de Gardacostas de Galicia ‘Punta Roncadoira’, que partiu do Porto de Vilaxoán ata mar aberto onde foron devoltos ao mar.

Os réptiles reciben o nome de Arou, en referencia a praia onde foi recuperada, Bilii, atopada nun areal de Barreiros e Afortunada, recollida por un mariñeiro de Malpica que foi quen escolleu o nome. Os tres exemplares presentaban feridas que tiveron que ser atendidas nun centro de recuperación. Ademais, estiveron durante 15 días expulsando plásticos, unha circunstancia que comparte o 95% dos individuos que son rescatados polo Cemma, unha cifra que reflicte o impacto negativo destes residuos  nos océanos e os seus ecosistemas . 

Grazas aos convenios coa Dirección xeral de Patrimonio Natural, o Cemma é o encargado de xestionar a Rede de Varamentos de Galicia. Un dos principais obxectivos é a protección e asistencia a mamíferos e tartarugas mariñas que chegan ás costas galegas. Con todo, a parte máis importante desta iniciativa é a devolución dos exemplares de especies protexidas ao seu medio, polo que se precisa a colaboración do Servizo de Gardacostas. Así, o responsble autonómico enxalzou o labor que realiza esta entidade, que calificou de “fundamental”, á vez que agradeceu o papel de moitas persoas colaboradoras que dan a voz de alerta para que estes animais sexan atendidos adecuadamente o antes posible.

Durante o pasado ano rexistráronse nas costas galegas un total de 573 animais varados ou en risco de varar. Ademais, o Cemma destacou un incremento notable da cantidade de tartarugas que chegan ás costas de Galicia e que teñen que ser atendidas por diferentes problemáticas. No que vai de ano xa foron liberados cinco exemplares e outros cinco atópanse ingresados. Entre o 80 e 90% logran recuperarse, sendo liberadas posteriormente en mar aberto co obxectivo de evitar riscos e facilitar a súa entrada nas grandes correntes oceánicas nas que viven e se alimentan.