- O conselleiro sinalou a calidade e sabor do bivalvo e os esforzos da Xunta de Galicia xunto co sector para seguir avanzando na redución da dependencia da mexilla de rocha
- Tamén resaltou o mellor momento que está vivindo o sector que está traballando a pleno rendemento para dar resposta á elevada demanda tanto no mercado nacional como internacional no que destacan países como Francia e Italia
- O responsable autonómico realizou unha visita á confradía de Lorbé e mantivo un encontro cos seus responsables no que abordou as principais necesidades dos profesionais do mar da zona
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou hoxe no porto de Lorbé, no municipio coruñés de Oleiros, a melloría das expectativas da campaña de extracción e o liderado do sector mexilloneiro. Así, resaltou a posición protagonista que ten esta industria no ámbito da acuicultura, actividade na que Galicia é referente a nivel europeo. Nesta liña, sinalou que nas últimas semanas se están intensificando as descargas de mexillón en moitos portos galegos co obxectivo de responder a alta demanda desta especie no mercado nacional e internacional no que destacan países como Francia e Italia.
O responsable autonómico fixo estas manifestacións durante unha visita ás bateas da empresa Proinsa na ría coruñesa de Ares-Betanzos onde valorou moi positivamente os avances do sector bateeiro na captación de mexilla a través de fórmulas alternativas como as cordas colectoras permitindo ao sector complementar a procedente do medio natural. O titular de Mar puido coñecer da man dos responsables da compañía os progresos alcanzados e as liñas de traballo que están a desenvolver na actualidade.
O conselleiro resaltou o importante papel do Grupo Proinsa no desenvolvemento económico da localidade coruñesa de Sada e a súa área de influencia nunha visita na que estivo acompañado pola directora territorial da Consellería, María Cancelo. A compañía conta con máis de medio século de traxectoria no sector xestionando na actualidade 100 unidades de cultivo, abarcando a súa actividade a produción, transformación e comercialización do mexillón grazas a cal se chega a xerar máis dun centenar de postos de traballo, nun 60% ocupados por mulleres.
Alfonso Villares destacou que o coñecemento da captación da semente de mexillón é un proceso fundamental para mellorar a viabilidade e sustentabilidade do sector. Nesa liña, o conselleiro valorou moi positivamente os traballos realizados nos últimos 20 anos por parte da compañía, así como do traballo que se está a desenvolver desde os centros de investigación mariña dependentes da Consellería do Mar como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) xunto coas universidades galegas. Froito do traballo desenvolvido polo CIMA tamén foi posible constatar a viabilidade de producir semente de mexillón en criadeiro coa entrega de 11 millóns de unidades de cría ao sector no último ano.
Visita á confraría
Alfonso Villares aproveitou a visita á localidade para celebrar un encontro cos responsables da confraría de Lorbé cos que abordou as principais necesidades dos profesionais do mar da zona. A xuntanza, estivo enmarcada nos periódicos contactos que se manteñen desde a Consellería do Mar cos diferentes axentes do sector dentro do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira e Galicia.
Segundo explicou, Portos de Galicia ten en fase final de tramitación a nova concesión do edificio do pósito, unha demanda reiterada da entidade, que sen embargo ten pendente realizar algúns trámites administrativos. Por outra banda, manifestou o compromiso da Consellería do Mar de seguir traballando na mellora dos equipamentos portuarios así como en impulsar medidas de apoio á actividade pesqueira. Un labor que dixo vén acompañado polos feitos ca que o departamento que dirixe leva realizados investimentos neste municipio desde o ano 2009 por valor de máis de 3,6 millóns de euros.