Villares destaca a aposta de copemar por garantir a calidade do produto pesqueiro, a traves da sustentabilidade

  • O titular autonómico felicitou ao grupo empresarial polo seu compromiso coa práctica pesqueira sen comprometer a viabilidade das especies capturadas, evitando con elo un impacto negativo no ecosistema
  • O navío, que é un exemplo do esforzo que está a realizar o sector pola renovación da súa frota, será entregado a finais de ano e estrearase en Malvinas en 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca a aposta de COPEMAR por garantir a calidade do produto, a través da sustentabilidade. Así o puxo en valor durante a visita realizada este luns ás instalacións da factoría viguesa, onde coñeceu o novo buque adquirido pola empresa Bemar Fishing, compañía da malvina Beauchene con COPEMAR, de propulsión híbrida para a redución do consumo de combustible e emisións contaminantes, limitando, por tanto, o seu impacto no mar.

O responsable autonómico non dubidou en felicitar a este grupo empresarial polo seu compromiso por garantir non só a eficacia e a produtividade na captura das especies mariñas -fundamentalmente da lura en caladoiros de Malvinas-, senón tamén na seguridade da tripulación e na xestión responsable dos recursos naturais. É, segundo destacou Villares, un exemplo do gran esforzo que está a realizar o sector pola renovación da frota e a pesca sostible.

Co novo navío, que leva por nome “Hadassa Bay”, a  empresa dá un salto cualitativo e cuantitativo importante na súa prioridade de garantir a calidade excepcional de produtos, obtidos coas técnicas máis avanzadas e eficientes, respectando o equilibrio e preservando o medio mariño. Esta aposta é a que asegura aos compradores que as especies proveñen dunha pesqueira ben xestionada e que cumpre coa lexislacións e os contratos e especificacións dos clientes.

COPEMAR conta con máis de sesenta anos de experiencia na pesca, a transformación e a distribución de produtos conxelados. As últimas cifras de facturación alcanzan os 26 millóns de euros, dos que un 48% son exportacións á Unión Europea. 

En funcionamento o vindeiro ano

A embarcación será entregada a final de ano e estrearase en Malvinas en 2025. É o primeiro encargo completado por Estaleiros Ría de Vigo (Grupo Armón) e representa un fito significativo tanto para a industria pesqueira española como para  propio estaleiro. 

Conta con 75 metros de eslora e 15 de manga. Destaca polo seu deseño optimizado e o seu enfoque na sustentabilidade. Así, con preto de 2.500 toneladas, está equipado coa última tecnoloxía pesqueira, de navegación e de seguridade tanto dende o punto de vista do procesamento a bordo, como da flexibilidade e adaptabilidade da produción, do deseño ergonómico e da vixilancia e da xestión de datos.

O “Hadassa Bay” formará parte da frota de capital galego que opera nas Malvinas, e produce unha media de 35.000 toneladas de lura loligo en cada campaña, alcanzando un valor superior aos 100 millóns de euros.