Los Galp son axentes necesarios no plan da cultura marítima de Galicia horizonte 2030, destinado a por en valor patrimonio do litoral

  • O PCUMA repasa os oficios e bens materiais e inmateriais ligados ao mar, propón cen medidas para preservalos e enxalza os espazos singulares da cultura mariñeira
  • En Muxía consérvanse os dous únicos secadoiros de congro de toda a Penísula, o de Os Cascóns e o de A Pedriña
  • Os Grupos de Acción Local desenvolveron entre 2016 e 2022 máis de 700 actuacións por 80 millóns de euros, que xeraron por riba dos 4.500 empregos     

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, abordou este mércores co Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte o Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 (PCUMA) que propón un cento de medidas para preservar o patrimonio marítimo. Segundo expuxo Villares, trátase dunha iniciativa que ten por obxectivo por en valor os recursos materiais e inmateriais do mundo do mar na comunidade, e no que os GALP son os aliados perfectos para promover os proxectos que contribúen a recuperar e salvagardar este legado.

O titular de Mar indicou, a este respecto, que o PCUMA é único e pioneiro tanto a nivel nacional como internacional; unha folla de ruta que xurde froito dun intenso traballo e de consultas a persoas e entidades de todo o litoral, e realiza unha profunda análise da diversidade de bens inmobles, mobles e patrimonio inmaterial existente na comunidade, co fin de que non queda no esquecemento.

Neste caso concreto, en Muxía consérvanse os dous únicos secadoiros de congro de toda a Península, o de Os Cascóns e o de A Pedriña. A transformacións deste peixe de fresco a curado desapareceu como actividade dos portos galegos, excepto o desta localidade da Costa da Morte, que converteu esta industria nun signo identitario da súa economía máis tradicional. É, por tanto, un exemplo da riqueza etnográfica e do patrimonio vivo desta zona mariñeira.

100 medidas

O PCUMA recolle un cento de medidas a aplicar ata o ano 2030. Por iso, para iniciar ese camiño e que o traballo realizado empece a dar froitos tanxibles para a cidadanía, decidiuse contar co conxunto da sociedade e administracións competentes e, pola súa labor pegada ao terreo, especialmente cos GALP. O documento fai, deste xeito, unha radiografía da demografía litoral de Galicia e da súa cadea mar-industria, destacando ao redor de 40.000 empregos directos que dependen dela, así como os múltiples oficios, tanto do pasado como agora, vinculados ao mar. Aos mariñeiros, mariscadores, percebeiros, acuicultores ou bateeiros, engádense os operarios de conserva, afumadores, baleneiros, salgadores, muiñeiros, carpinteiros, torneiros ou redeiras, entre outros moitos.

O plan fai un repaso pola variedade de bens inmobles, bens mobles e patrimonio inmaterial existentes en Galicia. Entres as construcións están os estaleiros e carpintarías de ribeira, fábricas de conserva e de salgado, casetas de pescadores e lavadoiros de redes, vivendas mariñeiras, embarcadoiros, faros, lonxas, cemiterios, ermidas ou santuarios e outros restos arqueolóxicos.

Nos bens mobles, están as artes de pesca, as ferramentas empregadas por distintos profesionais do mar, útiles de cestaría, vestimenta e calzado, partes de barcos afundidos e embarcacións tradicionais. No patrimonio inmaterial inclúense as festas, a tradición oral e o folclore, a través de adiviñanzas, cancións, contos, lendas ou léxico mariños, ademais da cociña mariñeira, as mostras de arte, a iconografía, os museos ou os propios oficios do mar.

O documento analiza tamén as fortalezas, oportunidades, debilidades e ameazas para o patrimonio marítimo de Galicia e destaca, entre outras cuestións positivas, a existencia do abundante patrimonio somerxido, de artes de pesca tradicionais sostibles, dun gran número de museos do mar e de oficios tradicionais que aínda persisten.

8 GALPs en Galicia

Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro actúan sobre un territorio onde se asenta máis da metade da poboación de Galicia (o 55%) e promoveron entre 2016 e 2022 máis de setecentos proxectos que mobilizaron 80 millóns de euros de investimento público-privado, que se multiplicaron para dinamizar a economía galega cun impacto superior aos 215 millóns de euros e a xeración e participación directa, indirecta e inducida de máis de 4.500 empregos na posta en marcha de tódalas iniciativas. Destacan entre os proxectos realizados os que teñen que ver coa valorización dos produtos da pesca e a diversificación das actividades ligadas ao mundo marítimo-pesqueiro.  

Estes Grupos contribúen así ao coidado e mellora do inventario de inmobles repartidos polo litoral, en especial o que se concentra nas coñecidas como áreas nai; zonas singulares do litoral galego que salientan por conservar as características orixinais.

O da Costa da Morte aglutina a 51 entidades sociais, das que máis do 20% pertencen ao sector pesqueiro. Inclúe a 9 Concellos, que son: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.

Foodtruck GALICIA SABE AMAR

Ademais, Alfonso Villares visitou a foodtruck da campaña GALICIA SABE AMAR, situada na chaira do Porto de Muxía. Esta iniciativa busca promover os produtos do mar galegos, resaltando a calidade e o sabor únicos que os caracterizan. Durante a visita, o responsable autonómico destacou a importancia de apoiar e difundir a riqueza gastronómica da rexión.