Villares cualifica de “falta de respecto” a negativa do estado a declarar como zona catastrófica os bancos marisqueiros das rías galegas

  • O titular de Mar amosa a súa sorpresa pola resposta e denuncia co Executivo estatal responda máis de 5 meses despois a través dunha nota de prensa sinalando que nin tramitaron a solicitude realizada polo Goberno autonómico 
  • O responsable autonómico tamén critica que as mesmas formacións que sosteñen o Goberno central sexan as que sosteñen as pancartas dicindo defender as reclamacións do sector marisqueiro galego 

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, cualificou de “falta de respecto moi grande a todos os mariscadores e mariscadoras galegas” a negativa do Goberno central a declarar zona catastrófica os bancos marisqueiros das rías galegas afectados polas extraordinarias precipitacións de outono que causou unha alta mortaldade dos bivalvos. Ao mesmo tempo, o responsable autonómico amosou a súa sorpresa ao coñecer “por unha nota de prensa e máis de 5 meses despois” co Executivo estatal nin tan sequera tramitaron a petición feita pola administración autonómica.

O titular de Mar recordou que esta solicitude está sustentada en informes técnicos de organismos autónomicos como o Intecmar, o CIMA e Meteogalicia nos que queda negro sobre branco as extraordinarias precipitacións acontecidas no pasado outono que foron un 127% superiores ao valor climático nomar acumulando máis de 1.000l/mentre o 15 de outubro e o 16 de novembro. Isto provocou un pronunciado descenso da salinidade das augas por debaixo do limiar de supervivencia dos moluscos causando unha alta mortaldade dos bivalvos que chegou a superar o 80% en algunhas zonas e especies.

Alfonso Villares lamentou que estas cifras non sexan suficientes para que o Goberno estatal se decida actuar e sinalou que con esta decisión, os mesmos grupos que sustentan ao Executivo, deixan patente que para eles non existen motivos para axudar ao sector. Nesta liña, criticou que esas mesmas formacións sexan as que despois se sitúan detrás da pancarta dicindo defender as reclamacións do mesmo sector ao que lle dan agora as costas. “Se realmente apoiaran as reivindicacións do sector aportarían recursos”.

O dirixente autonómico dixo non entender a actuación do Estado, chegando a cobrar as cotas da Seguridade Social todos os meses aos profesionais a pesar da falta de ingresos. Unha actitude que contrapuxo coa xestión da Xunta que, traballando man a man co sector, despregou recursos extraordinarios con axudas directas aos traballadores afectados, documentando con todo o rigor técnico o acontecido e tramitando unha solicitude que, de ser atendida, permitiría utilizar máis fondos para a reparación de todos os danos ás producións así como compensar as perdas a traballadores e empresas.

Para o conselleiro do Mar chove sobre mollado e denunciou un trato discriminatorio respecto a outras comunidades que si recibiron este recoñecemento ante outras situacións análogas. “Puxeron atrancos coa lei do Litoral sen motivos e agora o volven a facer co sector marisqueiro” denunciou. “Con todo, desde Galicia seguiremos pedindo o xusto para a nosa xente do mar a pesar do non tras non que recibimos do Goberno central” rematou.