Villares avalía coas confrarías os avances na execución das medidas recollidas no Plan de Acción para este semestre

  • O titular de Mar puxo en valor que entre as actuacións acordadas están as axudas extraordinarias ao marisqueo, as dirixidas aos pósitos e as axudas pola parada temporal que suman un desembolso de 15 millóns de euros
  • No encontro abordouse a elaboración dun informe xurídico co obxectivo de propoñer a modificación dos requisitos que rexen as prestacións por cese de actividade para que sexa compatible cos labores de rexeneración e mellora dos bancos marisqueiros
  • Tamén está previsto estudar a posibilidade de aplicar a figura de fixo-descontinuo aos profesionais xa que se adecuaría mellor á organización do traballo recollidos nos plans de xestión, facilitando unha mellor cobertura social para estes traballadores

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, mantivo un novo encontro con representantes das federacións das confrarías, na súa condición de organizacións máis representativas do sector do marisqueo en Galicia, para avaliar as actuacións realizadas ata o momento polo Goberno galego no marco do Plan de Acción posto en marcha a comezos deste ano. 

O documento, que foi elaborado man a man co sector, ten como finalidade garantir o maior dos apoios posibles para os prexudicados pola altísima mortaldade no marisco en outono. Unha demanda trasladada polo conxunto de pósitos á cal se está a facer fronte cos recursos propios da Xunta, á espera aínda de que o Goberno central resolva a petición de zona catastrófica para os bancos marisqueiros afectados. 

Na reunión expuxéronse as actuacións realizadas ata o momento pola Consellería do Mar no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025 dotado con 123 millóns de euros. Concretamente xa foron postas en marcha as accións comprometidas e directas para o primeiro semestre deste ano coa activación das axudas extraordinarias ao marisqueo, que xa foron despregadas, a elaboración das axudas extraordinarias para as confrarías para o seu inminente despregue e as axudas por cese temporal da actividade cuxo borrador esta a ser ultimado coas achegas do propio sector.

Por outra banda, Alfonso Villares informou de que o seu departamento está traballando na análise xurídica para artellar unha proposta de modificación dos condicionantes que rexen as prestacións por cese de actividade para facelas compatibles cos labores de rexeneración e mellora do estado das zonas de marisqueo. Unha medida novidosa que responde a unha demanda trasladada polos propios profesionais que deberá ser aprobada, en última instancia, polo Estado por ser quen ten as competencias nesta materia.

Por outra banda, o responsable autonómico tamén expuxo que se está avaliando a posibilidade de aplicar a figura do fixo-descontinuo no ámbito da actividade marisqueira, xa que sería unha formula adecuada atendendo a organización dos traballos recollidos en moitos plans de xestión, o cal permitiría que as persoas adscritas aos mesmos poidan dispoñer dunha mellor cobertura social. Unha vez recadados os informes xurídicos e administrativos elevarase unha proposta ao Goberno central para que sexan acometidos os mencionados cambios. 

Máis medidas

O conselleiro subliñou que desde a Xunta continúase a traballar no reforzo doutras medidas como a definición e inicio dos traballos de rexeneración dos bancos danados ou non produtivos mediante accións das entidades asociativas ou con execución propia da Consellería do Mar, incrementando nun 150 % as contías dedicadas a estes traballos respecto a 2023. Tamén se está a analizar novas propostas e proxectos para ser desenvolvidos dentro de Redemar, rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia,  co obxectivo de mellorar a resiliencia da produción marisqueira galega.