- A Xunta de Galicia mantén unha colaboración intensa con esta Asociación grazas ao convenio subscrito a comezos de ano para a promoción e mellora da comercialización das conservas do mar, co fin de impulsar a competitividade do sector e favorecer o seu crecemento
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este xoves no consello reitor da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos, Anfaco-Cecopesca, que incluíu a presentación dos avances en actividades científico-tecnolóxicas correspondentes ao primeiro semestre de 2024.
O dirixente autonómico apoiou así o labor que vén desenvolvendo esta entidade e coa que a Consellería manteñen unha colaboración anual no eido da promoción e mellora da comercialización das conservas do mar, co fin de impulsar a competitividade do sector e favorecer o seu crecemento.
Tal é así que, co convenio subscrito a comezos de ano pola Xunta e Anfaco, se están a desenvolver distintas accións de promoción e difusión da calidade dos produtos do mar transformados. O obxectivo é intensificar o coñecemento do conxunto da cidadanía sobre eles e impulsar o desenvolvemento do sector nesa materia.
Neste senso, entre outras actuacións, inclúense diversas iniciativas relacionadas coa sostibilidade, a transformación dixital, a seguridade alimentaria, a mercadotecnia e a I+D+I. Asemade, no eido da promoción internacional, estase a traballar en conxunto coa industria transformadora e conserveira para impulsar a súa presenza nos mercados prioritarios, levando os produtos a feiras de alimentación estratéxicas para o sector.
Outro dos grandes obxectivos do acordo é favorecer o coñecemento do mundo e a historia da conserva coa dixitalización e a mellora do acceso online do patrimonio cultural desta industria alimentaria con vistas tanto á súa conservación a longo prazo como ampliar o seu alcance e relevancia. Por este motivo, a posta en marcha dunha campaña de promoción dixital, trasladando as vantaxes do seu consumo por ser un produto seguro, saudable, nutritivo e versátil, é outro dos eixos de actuación desta colaboración conxunta.