Villares Anuncia as Federacions de Confrarías novas axudas ao sector para a rexeneración dos bancos marisqueiros

  • A previsión é publicar no mes de xuño tres liñas de axudas, dúas delas para apoiar a rexeneración dos bancos marisqueiros e a restauración da biodiversidade e outra liña de carácter extraordinario ás entidades asociativas do sector pesqueiro
  • É a terceira xuntanza desde que tomou posesión e na que tamén se rendeu contas dos encontros mantidos coas confrarías das zonas da Mariña, Ferrol e Ortegal para abordar as necesidades específicas das diferentes entidades
  • Este martes haberá a primeira reunión da Mesa de Traballo do Marisqueo conformada por persoal técnico dos departamentos territoriais e servizos centrais, do CIMA, o Intecmar e o Cetmar para establecer liñas de traballo e áreas de interese específicas

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde,  mantivo un novo encontro cos presidentes das federacións das confrarías, o terceiro desde que tomou posesión o responsable autonómico, no que informou que ao longo do vindeiro mes de xuño a Xunta publicará varias ordes de axuda en apoio do sector marisqueiro.

Alfonso Villares anunciou aos máximos representantes do sector a publicación no vindeiro mes de xuño de tres liñas de axudas en apoio á actividade marisqueira. Por un lado, a orde dirixidas a apoiar proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños. 

Por outro lado, esta previsto publicar aorde destinada a financiar proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables. Por último, tamén será publicada a resolución de concesión directa de axudas de carácter extraordinario ás entidades asociativas do sector pesqueiro destinadas a garantir a súa sostebilidade.

Na reunión o titular de Mar destacou que con estas novas medidas o Goberno galego cumpre cos seus compromisos alcanzados nas periódicas reunións cos representantes do sector. Así mesmo, rendeu contas da execución doutros acordos como a realización de encontros específicos coas confrarías das diferentes zonas co obxectivo de estudar e atender as circunstancias e necesidades específicas de cada entidade para que sexan tidas en conta no deseño de vindeiras accións por parte da Consellería. Nesta liña, nas últimas semanas celebráronse reunións de traballo coas confrarías das zonas da Mariña lucense, Ferrol e Ortegal.