- As Plataformas Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa informaron conxuntamente en Carril dos “efectos devastadores” desta macrocelulosa
- Marta Gontá e Xaquín Rubido fixeron un chamamento á cidadanía para presentar alegacións ao proxecto ata o 17 de abril
A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ofreceron hoxe en Carril unha rolda de prensa conxunta arredor dunha problemática que une ao rural do interior de Galiza e ao sector pesqueiro: o proxecto da macrocelulosa que Altri pretende instalar en Palas de Rei. Os voceiros de ambos colectivos, Marta Gontá e Xaquín Rubido, explicaron a preocupación conxunta do rural e o mar diante desta ameaza para a sociedade e a economía de ambas zonas e deixaron claro que “o proxecto non é sostible ambiental, económica nin socialmente”.
A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, explicou as cifras alarmantes que Altri contempla para este proxecto en Palas de Rei e publicadas o pasado 4 de marzo no Diario Oficial de Galicia para a tramitación por parte da Xunta da Declaración de Impacto Ambiental. Gontá destacou que estamos diante dun proxecto altamente irresponsable y con consecuencias debastadoras, “cando esta celulosa esté funcionando a provincia de lugo duplicará o seu consumo de auga, e contaminará o aire a terra e a pouca auga que quede, estamos ante unha perda de saúde e de calidade de vida”. Altri pretende instalarse nunha parcela de 360 hectáreas para producir ao ano 400.000 toneladas de celulosa, e 200.000 de lyocell“
Segundo detallou a voceira da Plataforma, coas cifras do proxecto publicadas no DOGA, “estamos diante dun desastre medioambiental e socioeconómico, un ataque frontal ao corazón do interior de Galiza”. Marta Gontá criticou que o proxecto de Altri mereza para a Xunta de Galicia adxectivos coma “proxecto tractor, proxecto redondo e mesmo supersostible”. E “ata o presidente da Xunta nos acusou de non querer facer nada no rural”.
Diante desta posición do goberno galego ao respecto, Gontá afirmou que “esto é rotundamente mentira, queremos que se leven a cabo no rural proxectos coma os que se están a facer, pequenas e medianas empresas que crean postos de traballo, redistribúen a riqueza e son sostibles, queremos apoio económico para ese tipo de iniciativas. A esta macrocelulosa vanlle regalar 250 millóns de euros de cartos públicos, si reparten estes 250 millóns nestas iniciativas asegurámoslle que duplicamos a creación de postos de traballo con moi pouco esforzo, pero creemos que hai a quen non lle importa nada o rural, por iso este proxecto e por iso non veñen nin a escoitarnos siquera”.
Por iso a voceira de Ulloa Viva convidou ao presidente da Xunta en funcións a que “poña hora e sitio e alí estaremos”, e deixou claro que cos cartos públicos que se están a xestionar para Altri “Ulloa Viva e a Ría de Arousa triplican os postos de traballo”. Gontá destacou ademáis que “do que estamos a falar é dun problema de saúde, dende o nacemento do Ulla ata a Ría de Arousa”.
A auga que quere Altri
A voceira da Plataforma chamou a atención sobre o proxecto de captación de auga no encoro de Portodemouros (que se atopa en periodo de resposta ás alegacións presentadas diante de Augas de Galicia). Gontá lembrou que Altri quere 46 millóns de litros de auga ao día, que vai levar de Agolada ata Palas cunha tubaxe de 12,5 quilómetros “atravesando máis de 300 fincas privadas polo medio de Rede Natura 2000”. Desa cantidade de auga ao día, o proxecto prevé devolver 30 millóns de litros de auga ao Río Ulla “auga tratada na planta de Altri, tratada pero contaminada.”
Precisamente neste punto do proxecto coinciden as críticas de Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa. A auga do Ulla abastece a 11 concellos que suman 145.921 habitantes (segundo o último dato de poboación do IGE. Así os concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Padrón, Dodro, Catoira, Valga, Pontecesures, Vilagarcía de Arousa e Teo “van a recibir directamente a auga que Altri quere contaminar no Ulla”. O presidente da PDRA, sinalou que “a eso hai que engadir que é unha zona eminentemente turística e na época estival, que é cando hai menos auga, hai zonas que duplican os seus habitantes”.
Ademáis do abastecemento destes concellos e o problema da contaminación desta celulosa, Xaquín Rubido referiuse de xeito específico ao impacto de Altri sobre a actividade marisqueira da Ría de Arousa. “É incompatible construir unha celulosa e pretender que sobreviva a Ría de Arousa coma realidade de biodiversidade e productiva. A Ría de Arousa é o 70% do mexilón de Galiza e Europa, si a UE quere subvencionar unha actividade que vai a destriur un dos lugares máis productivos do mundo, eso evidentemente é algo contradictorio, pero sería a consecuencia inmediata”.
“Altri vai acabar coa Ría de Arousa”
Segundo destacou o voceiro do sector do mar de Arousa, “esta Ría non aguanta o fluxo de contaminantes, sobre todo de materia orgánica, que xa hai a actualidade, si metes a carga de Altri na Ría de Arousa, que vai a ser onde vai ir, é unha actividade que non está no marco de deseñar un futuro co cambio climático. É unha actividade que demanda auga en tales volúmenes que non é sostible no tempo. Vai destruír a Ría de Arousa e vai provocar o desabastecemento das poboacións que nestes momentos captan a auga para beber do Ulla”.
Dende a PDRA deixaron claro que o proxecto de Altri en Palas de Rei “non é sostible e vai acabar coa ría máis productiva de Galiza, si instalan Altri non contemos coa ría de Arousa, e non contemos cos postos de traballo que se xeneran na Ría de Arousa, que son moitos porque somos o 70% da producción de mexilón, directos e indirectos porque é unha actividade moi transversal”. Xaquín Rubido aludiu a datos oficiais coma informes do Instituto Galego de Estatística que certifican que “o sector da pesca é un sector que sí que é tractor porque está moi imbricado no tecido productivo e activa económicamente outros sectores”.
Presentación de alegacións
Por todos os motivos expostos, as plataformas Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa, arroupadas ademáis por distintos colectivos ecoloxistas, confrarías e sindicatos agrarios, fixeron hoxe dende Carril un chamamento á cidadanía galega. O presidente da PDRA instou “a todos os colectivos e cidadáns de Galiza a presentar alegacións, porque nos xogamos o modelo de país que queremos”.
A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, incidiu tamén na importancia deste proceso de alegacións, destacando que logo da publicación no DOGA do pasado 4 de marzo o prazo para presentar alegacións diante da Consellería de Economía ao proxecto de Altri remata o vindeiro 17 de abril. “Non nos imos rendir, Altri en Palas de Rei é un ataque directo ao corazón do rural galego, e non o imos permitir. Temos claro que o proxecto é redondo para uns poucos, pero eses poucos non van decidir o noso futuro nin o dos nosos fillos, teránnos en fronte ”.