O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou este venres en Bruxelas nas xornadas de traballo da EnergyTransition Partnership da UE centradas nesta ocasión nas habilidades precisas para abordar con éxito a transición enerxética no mundo do mar. Galicia acude a todos estes foros tanto para dar conta dos pasos están a dar a Xunta como os actores do sector marítimo-pesqueiro para avanzar na descarbonización da frota como para defender que este proceso debe realizarse dunha forma realista, asumible e contando co máximo apoio comunitario.
Unha vez se defina a nova tecnoloxía propulsora que substituirá aos motores de combustión, Antonio Basanta defendeu que Galicia, por ser líder europea en pesca e cultivos mariños, tamén será a zona de toda a Unións Europea que maiores recursos precise para realizar o tránsito. Unha das cuestións que dixo que están claras é que haberá que adecuar a formación a todas as tecnoloxías e sistemas que se van a utilizar nesta transición enerxética. Son ámbitos, dixo, nos que se está xa traballando, buscando que a súa evolución vaia en paralelo co fin de dotar ás tripulacións das habilidades necesarias. Defendeu tamén o traballo que, desde Galicia, se está a facer en todas estas áreas con aliados como a Fundación MarinnLeg, o clúster naval Aclunaga ou a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña.