- Estas achegas, incluídas na primeira convocatoria do FEMPA, cubrirán o 50% do importe subvencionable, podendo esta porcentaxe elevarse ao 100% se o proxecto é de índole colectivo e ten características innovadoras
- As actuacións previstas están destinadas a fomentar a calidade e valor engadido dos produtos, a mellora da eficiencia enerxética ou a economía circular
- A través do FEMP 2016-2023, o Goberno galego tamén inxectou máis de 105 millóns de euros, que permitiron desenvolver 380 iniciativas e mobilizar un investimento de máis de 200 millóns
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado martes a orde pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciados coa primeira convocatoria do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2024.
Deste xeito, a Consellería do Mar que dirixe Alfonso Villares destina á mellora da competitividade e da rendibilidade das pequenas e medianas empresas galegas desta categoría 19 millóns de euros, que se distribúen nas seguintes anualidades: 2024 (9 millóns) e 2025 (10 millóns). O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado desde o día de mañá, venres.
Con estas axudas, o Goberno galego aporta o 50% do importe subvencionable de cada unha delas, podendo esta porcentaxe elevarse ao 100% no caso de que os proxectos cumpran os requisitos de que tanto o interese como as beneficiarias sexan colectivos, teñan características innovadoras ou garantan o acceso do público aos seus resultados.

Entre as accións que son obxecto de apoio, cofinanciados co Fondo Europeo Martítimo e de Pesca, está a de fomentar a calidade e valor engadido dos produtos; aumentar a eficiencia enerxética; reducir o impacto no medio ambiente; mellorar a mobilidade sostible da distribución de produtos da pesca; favorecer a economía circular mediante a prevención e optimización dos procesos, minimización dos residuos, o aproveitamento comercial das capturas non desexadas ou subprodutos, o uso de descartes para o desenvolvemento de subprodutos, a transformación de capturas de peixe comercial que non poidan destinarse ao consumo humano; ou fomentar a transformación de produtos de acuicultura ecolóxica.
Os beneficiarios destas subvencións son as pequenas e medias empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que contribúen a, entre outras cuestións, aforrar enerxía, mellorar a seguridade ou optimizar os procesos de transformación.
Máis achegas
O novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) financia proxectos de aplicación da nova reforma da Política Pesqueira Común e presta apoio fnancieiro a pescadores, acuicultores e poboacións costeiras para a súa adaptación ás novas normas. Ademais, ten en conta proxectos destinados a fomentar o “crecemento azul” e a creación de postos de traballo, ao abeiro da política integrada da Unión Europea.
Este tipo de apoios súmase aos xa executados no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca (2016-2023), a través do que a administración autonómica inxectou máis de 105 millóns de euros ao sector, que permitiron desenvolver 380 iniciativas e mobilizar un investimento de máis de 200 millóns de euros.