- A incorporación do “Heroínas de Sálvora” marca un fito no Plan de Salvamento, subliñando o compromiso coa seguridade marítima e a protección do medio ambiente, e constitúe un motivo de orgullo para toda a comunidade de Ribeira.
A historia das “Heroínas de Sálvora” se engrandece coa presentación do novo buque de Salvamento Marítimo que leva o seu nome. O 5 de xullo de 2024, o ministro de Transportes e Movilidad Sostible, Óscar Puente, presentou en Las Palmas de Gran Canaria o buque máis grande, moderno e versátil da frota de Salvamento Marítimo: o “Heroínas de Sálvora”. Cun investimento histórico de 53,6 millóns de euros, esta embarcación confirma o compromiso do Ministerio e do Goberno coa seguridade no mar e a modernización dos medios da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (SASEMAR).
“Este é o mellor buque da frota do noso país destinado a garantir a seguridade marítima e loitar contra a contaminación nos nosos mares. É un exemplo da aposta decidida deste goberno por modernizar os medios cos que conta SASEMAR”, afirmou o ministro durante a presentación. “É un buque polivalente que engloba todas as funcións encomendadas a SASEMAR: a procura e rescate en naufraxios, o remolque de embarcacións avariadas, a extinción de incendios en buques e a loita contra verteduras contaminantes no mar”, explicou Óscar Puente. Ademais, destacou que é unha embarcación única e pioneira polas súas novas tecnoloxías, sendo o primeiro buque civil de salvamento do mundo deseñado especificamente para operar con drons e con tecnoloxía ECO para reducir as emisións.
Innovación e capacidades técnicas
O “Heroínas de Sálvora”, construído no estaleiro Zamakona en Santurtzi, ten 82,35 metros de eslora, 18 metros de manga, unha tonelaxe bruta de 3.996 toneladas e unha potencia instalada de 14.860 kW. Inclúe unha cuberta de voo para drons de ata 9 metros e un hangar con capacidade simultánea para dous drons, mellorando así a capacidade de manexar todas as situacións en Salvamento Marítimo. Tamén incorpora tecnoloxía ECO e propulsión diésel-eléctrica, así como conexión eléctrica a porto para reducir as emisións da súa actividade.
Compromiso coa sustentabilidade
O buque aposta pola sustentabilidade, con 14 modos de operación en propulsión diésel-eléctrica, catalizadores para reducir óxidos de nitróxeno, unha planta de tratamento de auga de lastre para estabilizar o buque, climatización con gas refrixerante de baixa emisión e conexión eléctrica a porto. Todo iso cun obxectivo único: cumprir de forma eficaz e sostible coa súa misión e garantir unha volta a terra segura para todas as persoas que traballan no mar ou realizan actividades turísticas, de recreo acuático e de transporte de mercadorías.
Homenaxe ás Heroínas de Sálvora
O nome do buque rende homenaxe ás catro heroínas galegas de Sálvora: María Fernández, Cipriana Oujo, Josefa Parada e Cipriana Crujeira, quen en 1921 salvaron a 56 persoas do naufraxio do buque correo Santa Isabel na illa galega de Sálvora, no Concello de Ribeira. Utilizando as súas dornas, realizaron varias travesías no medio do temporal, converténdose nun símbolo de valentía e solidariedade.
Un fito para a comunidade de Ribeira
A tripulación do “Heroínas de Sálvora” inclúe a 16 persoas, das cales 8 son galegos e 5 de Ribeira, o cal é motivo de orgullo para o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral. Durante a presentación, Pérez Barral, que viaxou como convidado, expresou o seu orgullo de que este moderno buque homenaxeei ás “Heroínas de Sálvora” co seu nome e destacou que “é un motivo de alegría que o buque permita coñecer a historia do noso Concello e unir máis aínda os lazos entre Ribeira e as Illas Canarias”.
O alcalde tamén manifestou o seu desexo de que o novo buque recale en Ribeira para que a veciñanza poida contemplalo, subliñando a disposición do Concello para facilitar esta visita. Durante o acto, Pérez Barral aproveitou para dialogar co ministro de Transportes e outros representantes sobre diversos asuntos importantes para o municipio.
Futuro de SASEMAR
O “Heroínas de Sálvora” terá a súa base no centro de coordinación das Palmas, que se trasladará en setembro a unhas novas instalacións para seguir realizando a vixilancia do mar e o control de buques. Óscar Puente anunciou a planificación de investimentos en novas embarcacións tipo Guardamar e Salvamar, así como nun helicóptero de gran porte, reforzando así a modernización de Salvamento Marítimo. Segundo o ministro, incrementouse o número de tripulantes das Salvamares en Canarias de 3 a 4, e actualmente hai 295 traballadores nestas illas, case o 20% do persoal total de SASEMAR, con marxe de manobra para reforzar o dispositivo en caso de aumento de rescates.