Posta en valor da trayectoria da organización de palangreiros guárdenses en favor da actividade pesqueira de Galicia

  • O responsable autonómico destacou que esta entidade representa á maior frota de Europa no seu segmento especializada na pesca de peixe espada e afíns agrupando a 74 buques
  • Tamén reivindicou a necesidade de rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros, nun contexto de descenso progresivo do consumo, xa que permitiría estimular a demanda e mellorar a saúde da cidadanía grazas as propiedades nutritivas destes alimentos

A Guarda (Pontevedra), 19 de xullo do 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, inaugurou a X edición das Xornadas Internacionais de Pesca sobre Grandes Migradores organizado pola Organización de Palagreiros Guardeses (Orpagu) no concello pontevedrés de A Guarda onde puxo en valor a traxectoria desta entidade en favor da actividade pesqueira galega sostible e produtiva. Así, manifestou que este evento é un bo exemplo do papel desta organización como axente do sector e do seu traballo para garantir o cumprimento das regras de xogo en materia de produción e comercialización dos produtos pesqueiros.

O responsable autonómico subliñou que Orpagu leva preto de 30 anos contribuíndo ao desenvolvemento e fomento da pesca de palangre, fresca e conxelada, recoñecida desde 1997 como Organización de Produtores Pesqueiros (OPP49), alcanzando unha facturación de 36 millóns de euros obtidos da comercialización de máis de 13.000 toneladas de diferentes especies. Un labor que foi merecedora de diferentes galardóns sendo o máis recente o Premio Ardán Empresa de Alta Produtividade da Zona Franca de Vigo.

Alfonso Villares destacou que esta entidade representa á maior frota de Europa no seu segmento especializada na pesca de peixe espada e afíns agrupando a 74 buques que operan en caladoiros espallados por todo o mundo. Un liderado que tamén se ve reflectido na súa participación en Interfish-España, única organización interprofesional pesqueira que ten como misión representar ao conxunto da cadea de valor dos produtos do mar conseguindo o ano pasado a ampliación do recoñecemento e representatividade desta entidade para o peixe espada e o marraxo, con máis dun 54% e un 64% respectivamente, alcanzando un volume de negocio de máis de 114 millóns de euros en primeira venda.

Incentivos ao consumo

O titular de Mar resaltou a importancia de tomar medidas que permitan incentivar a presenza dos produtos do mar nas despensas dos fogares nun contexto de progresivo descenso do consumo. Así, puxo en valor as campañas de sensibilización, divulgación e de promoción do peixe, mariscos e conservas resaltando as súas propiedades nutritivas e os seus importantes beneficios para a saúde.

Nesta liña, demandou unha vez máis a creación dun sistema alimenticio sostible e xusto reclamando ao Goberno central a rebaixa do IVE aos produtos pesqueiros e defendeu que esta medida permitiría estimular a demanda e facilitar o seu acceso ás familias máis vulnerables. Coa negativa do Estado a esta proposta, dixo, España está a desaproveitar a marxe de manobra que concede a UE neste ámbito e recordou que é unha demanda do sector que conta co aval do Parlamento Europeo, do Executivo comunitario ou da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, entre outras institucións.