Pescadegalicia.gal conmemora as súas dúas décadas de traballo debullando a actividade nas lonxas galegas cunha nova e áxil ferramenta de datos

  • A plataforma que ofrece os datos da primeira venda nas 65 rulas galegas estrea un novo sistema que permitirá realizar de forma ‘online’ buscas, organizar a información de capturas e facturación e presentala da forma máis atractiva e gráfica posible
  • Aproveita para dar este salto tecnolóxico a publicación do Anuario de Pesca de Galicia 2023, un informe que desde 2003 non deixou de aportar información co fin de contribuír a mellorar a xestión do sector pesqueiro autonómico
  • Nun exercicio cheo de desafíos e restricións estes centros realizaron 3,3 millóns de transaccións e puxeron a disposición do mercado preto de 126.000 toneladas de produtos do mar cun volume de negocio por enriba de 412 millóns de euros
  • Un ano máis, o prezo medio dos peixes e mariscos frescos comercializados marcou un novo máximo histórico e roldou os 3,28 euros por quilo, situándose así un 30% por enriba da media rexistrada nunha serie que se remonta ao ano 2002 

A plataforma Pescadegalicia.gal estrea hoxe unha evolución sen precedentes do portal en Internet desde o que ofrece a información estatística sobre a actividade das lonxas da comunidade autónoma. Unha labor que iniciou hai máis de dúas décadas xa cando, en 2003, saía á luz o primeiro Anuario da Pesca de Galicia, un documento de 146 páxinas que detallaba os datos da primeira venda de produtos do mar frescos, poñendo ao servicio do sector marítimo-pesqueiro galego todo o potencial da Plataforma Tecnolóxica da Pesca.

Así o recorda o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, na presentación coa que se abre o Anuario de Pesca de Galicia 2023, unha publicación que se aproveita para lanzar a súa vez unha nova e áxil ferramenta que introduce novas posibilidades de explotación dos datos das capturas e facturación rexistrados nas 65 rulas galegas aberta aos profesionais do mar e tamén ao público en xeral, e que permite realizar buscas específicas, organizar a información e presentala da forma máis atractiva e visual posible.

O obxectivo desta mellora tecnolóxica e ofrecer os datos máis completos co fin de contribuír a unha xestión máis eficaz dos recursos pesqueiros, permitindo a súa consulta case en tempo real desde calquera lugar do mundo, no que supón, ademais, un claro exercicio de transparencia. O obxectivo e que Galicia, a primeira potencia pesqueira europea, retome o signo positivo no conxunto da súa cadea mar-industria, da actividade extractiva á primeira venda nas lonxas, a posterior transformación e a distribución.

O anuario de 2023 reflicte que o ano pasado foi un exercicio repleto de desafíos, tal e como sinala no seu prólogo Alfonso Villares, que sinala que “algunhas chegaron polas restritivas regras de xogo marcadas desde a Comisión Europea, tanto polos recortes a importantes especies para a frota galega, caso do xurelo, como polo duro golpe que supuxo para a actividade, e en especial para o palangre, o veto comunitario decretado ás artes de fondo no Atlántico Noroeste”. Tamén continuaron lastrando a actividade a continuidade na guerra de Ucraína e as crecentes tensións xeopolíticas mundiais. 

Tamén apunta ás e dificultades que “viñeron marcadas polo impacto do cambio climático e as inclemencias meteorolóxicas, que golpearon os bancos marisqueiros das rías galegas o pasado outono e provocaron, pola alta temperatura da auga e a baixada da súa salinidade, unha altísima mortaldade nos bivalvos”.

Volume de poxas 

Neste contexto, ao longo do ano 2023, nas lonxas e centros de venda de Galicia comercializáronse preto de 126.000 toneladas de produtos da pesca que supuxeron unha facturación de máis de 412 millóns de euros. En total rexistráronse nas 65 rulas máis de 3,3 millóns de transaccións ao longo dos doce meses. Por provincias, lidera en toneladas A Coruña, con preto de 69.000, seguida de Pontevedra con 31.120 e Lugo con máis de 25.700 toneladas. En valor, sen embargo, están por diante as lonxas pontevedreses, con 154 millóns de euros, coas coruñesas moi preto, con 153, e as lucenses con case 105 millóns.  

Comparando os resultados do pasado exercicio con información de exercicios anteriores, e en especial con 2022, obsérvase unha redución das capturas en todos os grupos agás nos peixes, que experimentaron un lixeiro incremento, sendo significativa a diminución dos cefalópodos, debida especialmente á caída das capturas de pota voadora.

Os ingresos tamén foron inferiores ao ano 2022 en todos os grupos agás nos equinodermos, mentres que o prezo medio experimentou un lixeiro incremento, volvendo a marcar un novo máximo na serie histórica con 3,28 €/quilo. Atribúese á influencia do notable incremento do prezo medio de bivalvos e dos cefalópodos, tal e como recolle o Anuario da Pesca. Mantense desta forma a liña de traballo que busca acadar maiores ingresos polas capturas co fin de impulsar a rendibilidade da frota.  

Especies e lonxas

A especie máis importante en valor comercializada en primeira veda o ano pasado polas lonxas da comunidade (especialmente as da Mariña lucense) volveu a ser a pescada, con 102,6 millóns de euros (un 4,3% máis) e 22.370 toneladas (+1,8%). En volume foi adiantada polo lirio, con 25.262 toneladas, pero menos de 15 millóns de euros de facturación. A sardiña aumentou un 63,5%, a preto de 18.800 toneladas, pero o xurelo caeu a dez mil. 

Por debaixo das 10.000 toneladas aparecen o peixe sapo (4.881 t), a xarda (4.505 t), rapantes (3.662 t), xuliana (2.884), o bonito do norte (2.225 t), a pota común (2.166 t), como primeiro molusco a ameixa xaponesa (2.027 t) e o polbo ocupa o posto doce por debaixo das dúas mil toneladas. Por valor total, despois da pescada, figura a ameixa xaponesa con máis de 27 millóns de euros, que se sitúa por diante do peixe sapo (26,6 millóns) ou do polbo (preto de 18 millóns).   

A lonxa que máis peixes e mariscos frescos poxou o ano pasado foi a de Ribeira, con preto de 29.000 toneladas, seguida das de A Coruña (24.500), Vigo (22.900), Burela (13.000), Celeiro (12.800) e Portosín (3.600 toneladas), por riba de Camariñas, Corcubión, Portonovo, Cedeira, Marín, Porto do Son ou Muros. 

Por facturación, a rula líder en 2023 volveu ser a de Vigo, por enriba dos 88 millóns de euros, seguida da Coruña, sobre os 62 millóns de euros, e de Burela, con 57,6 millóns. Celeiro superou os 47 millóns de euros de cifra de negocio, por diante de Ribeira, que acadou os 41 millóns, ou Carril, con máis de 10 millóns de euros.