- A Conselleria do Mar pon en valor a capacidade integral das empresas galegas de subministrar produtos de alta calidade e únicos no mercado así como os equipos imprescindibles para actividade extractiva á flota
- O departamento autonómico pon como modelo a empresa ribeirense A Poutada, con presencia en España e Cabo Verde, e que provee a buques pesqueiros de todo o mundo, especialmente atuneiros e palangreiros
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou as importantes vínculos da economía pesqueira con outras actividades e sinalou que afecta ao 90% dos sectores económicos de Galicia polo que ten un carácter estratéxico para a comunidade. Así o manifestou durante a visita ás instalacións da empresa ribeirense A Poutada dedicada a proveer de diferente material e equipos aos buques pesqueiros de todo o mundo.
O representante autonómico puxo en valor a capacidade integral das empresas galegas de subministrar produtos de alta calidade e únicos no mercado así como equipamentos e materiais imprescindibles para o desenvolvemento da actividade extractiva da flota. Nesta liña, indicou que estas compañías forman parte dun amplo engrenaxe que fai da pesca galega un motor económico e de creación de emprego, líder e referente no ámbito europeo.
O director xeral situou como modelo e claro exemplo disto á empresa A Poutada, cunha ampla experiencia e con presenza tanto en territorio nacional como en Cabo Verde onde provee aos buques, especialmente atuneiros e palangreiros, de carnaza, anzois, roupa profesional, equipos de seguridade, entre outros. Coa vista posta nos vindeiros anos, recalcou a importancia das políticas desenvolvidas polo Goberno galego dirixidas a reforzar as redes entre as diferentes actividades, desde a extractiva ata a industrial e transformadora, fundamentais para seguir avanzando na competitividade e sustentabilidade do conxunto do sector pesqueiro galego.