O proxecto Ourixen de Redemar avanza en novas vias para optimizar a producción de ourizo e garantir a resilencia do recurso coa xenética de repoboación

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participou hoxe na presentación dos resultados de Ourixen, un dos proxectos realizados dentro da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia, Redemar. No encontro, realizado na sede da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, que colabora nesta actuación xunto coa Universidade de Santiago e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), abordáronse avances froito da avaliación da xenética das poboacións naturais deste recurso en Galicia, xunto con estratexias para a súa mellora xeral, para manter a súa diversidade xenética e para garantir a resiliencia do recurso a través de tarefas de repoboación.

A produción de ourizo galego sitúase na actualidade nas 800 toneladas anuais, cun valor que rolda os 7,5 millóns de euros. Unha actividade que involucra xa a case 600 mariscadores e mariscadoras. Tras analizar experiencias dos investigadores como as de Confraría da Coruña (en total, na iniciativa Ourixen de Redemar hai doce pósitos involucrados e unha empresa, Algafrés), Susana Rodríguez destacou a importancia destas accións da ciencia á hora de acadar un impacto real na mellora da explotación deste e doutros recursos. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destacou que Redemar contará cun 40% máis de orzamento en 2024 para atender a actuacións deste tipo.