- O conselleiro do Mar debullou as actuacións previstas comezando coas axudas extraordinarias e inmediatas por 4 millóns de euros que se abonarán este mesmo mes
- A estratexia que se presentou e que parte do diálogo coas federacións de confrarías activarase xa este primeiro semestre e suporá a mobilización de 123 millóns de euros entre este ano e o próximo para mellorar a competitividade e sostibilidade do secto
- Entre as accións inclúese a rexeneración dos bancos marisqueiros, a diversificación das especies e traballos para lograr que sexan máis resistentes
- O Goberno central segue a manter o mutismo sobre á petición de declaración de zona catastrófica, que permitiría o acceso a axudas extraordinarias para paliar as perdas nas producións e a exención das cotas á Seguridade Social dos afectados
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor que o plan de acción da Xunta para o marisqueo é un documento vivo e aberto no que se están a recoller todas as aportacións dos profesionais que coñecen de primeira man as necesidades do sector. Así o expuxo durante a visita á confraría de Lourizán onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, durante a xuntanza na que o responsable autonómico presentou aos representantes do pósito os detalles sobre as axudas directas e extraordinarias por 4 millóns de euros aprobadas no último Consello da Xunta e as liñas xerais do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025, un conxunto de actuacións que, aberto ás contribucións do sector, se prevé que mobilice a curto e medio prazo un total de 123 millóns de euros.
Alfonso Villares indicou que desde o primeiro minuto despois do episodio de alta mortaldade dos bivalvos pola baixa salinidade resultado das fortes choivas do pasado outono, a Xunta se puxo a traballar da man do sector, unha colaboración que se pretende manter e estreitar dentro do modelo de cogobernanza co que se pretende contribuír a definir o futuro máis próspero para a pesca e o marisqueo.
Por outra banda, contrapuxo esta actuación e implicación da Administración autonómica coa da Administración central, da cal segue sen chegar noticia algunha da súa resposta á petición da Xunta para declarar zona catastrófica as rías damnificadas, cando xa transcorreu máis de mes e medio desde que se presentou ante a Delegación do Goberno en Galicia. O conselleiro considera esta inacción como unha falta de sensibilidade e abandono por parte do Executivo estatal, que non mobilizou ningún recurso en favor dos profesionais afectados.
Alfonso Villares explicou aos profesionais do marisqueo os traballos que, en conxunto coas federacións de confrarías de pescadores, levaron a que o pasado 14 de xaneiro se adiantase desde o propio sector o plan de acción para recuperar a produtividade desta actividade esencial para Galicia. Por un lado, a estratexia conta con medidas inmediatas en materia de axudas, con 15 millóns de euros nos que se inclúen os 4 millóns de euros que se abonarán de forma extraordinaria e directa este febreiro a máis de 7.000 profesionais de marisqueo a pé e a frote, e haberá outros 400.000 euros para contribuír a sustentabilidade das organizacións representativas do sector.
Complementan estas actuacións as axudas por parada temporal para o marisqueo a pé e a frote que suporán o desembolso de máis de 10 millóns de euros e que se tramitarán con cargo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) coa previsión de que se publique a orde en abril para que se abonen no verán. O período subvencionado de parada será de tres meses, a acreditar entre outubro de 2023 e abril de 2024.
O resto de actuacións no curto prazo pasan, ao longo deste primeiro semestre do ano, pola rexeneración dos bancos marisqueiros máis danados e o reforzo da Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia (Redemar) para clarificar as causas e desenvolver solucións ante a caída da produción e o impacto do cambio climático nas rías.
Máis medidas
A partir do segundo semestre e no conxunto do 2025 activaranse máis de 104 millóns de euros en medidas de apoio á sustentabilidade e competitividade do sector marisqueiro. Por un lado no reforzo da rexeneración de áreas marisqueiras e a creación de novas zonas de traballo, así como o apoio técnico ás entidades do sector e a vixilancia dos bancos, reforzando tamén o labor do Intecmar e das redes de control. Por outro lado constituír unha nova plataforma de ventas e un plan para complementar e diversificar as especies, ao tempo que se investiga como facelas máis resistentes aos cambios ambientais así como fortalecer a colaboración coas asociacións do sector.