- O titular de Mar pon en valor esta iniciativa solidaria que este ano é en beneficio da Asociación Galega Síndrome Fráxil e que reúne a de chefs de renome nacional e internacional
- O responsable autonómico resaltou o auxe e a innovación que hai detrás das novas xeracións de cociñeiros galegos con novas reinterpretacións nas que os produtos do mar de Galicia son os protagonistas
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou o peixe e mariscos galegos como elementos diferenciais e máis recoñecibles da excelencia da rica e variada despensa galega. Así o manifestou ante chefs de toda España que xuntos suman máis de 80 Estrelas Michelin no evento central da X edición de Estrelas do Camiño organizado por Rogelio Rial de Casa Barqueiro no concello coruñés de Negreira e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia, a marca PescadeRías, de onde son? e Galicia Calidade.
O responsable autonómico, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e pola xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, puxo en valor esta iniciativa solidaria que, por segunda vez, será en beneficio da Asociación Galega de Síndrome Fráxil en apoio e traballo en favor da investigación e apoio ás familias afectas por esta doenza. Unha cita que sitúa a Galicia como referente gastronómica concentrando a un importante número profesionais referentes nacionais e internacionais onde a dieta atlántica é protagonista cos produtos galegos como a mellor materia prima.
Nesta liña, o titular de Mar remarcou o auxe e innovación que hai detrás das novas xeracións de cociñeiros galegos con novas reinterpretacións da cociña galega na que o peixe e marisco é unha peza fundamental. Tamén resaltou a calidade e sabor dos produtos mariños galegos e as súas múltiples propiedades culinarias como un dos maiores tesouros gastronómicos e máis recoñecibles da comunidade polo que apostou por promocionalos e difundilos no exterior así como a súa riqueza nutritiva e os beneficios que hai detrás do seu consumo.
Alfonso Villares celebrou o éxito desta nova edición de Estrelas do Camiño, e reiterou aos seus promotores o seu compromiso do Goberno galego en apoiar este evento que, ademais de axudar a causas benéficas, serve de escaparate excepcional dos produtos galegos. Alimentos que cada día son máis recoñecidos e valorados nos mercados poñendo en valor o coñecemento e bo facer dos nosos profesionais, que son os auténticos artífices de que cheguen a todos os fogares.