- CAPTA establecerá as bases para o desenvolvemento futuro de políticas e instrumentos de planificación conxuntas na eurorexión que faciliten acadar a neutralidade climática
- Con esta acción avaliarase o papel que prestan os ecosistemas litorais como sumidoiros de carbono mediante o uso de novas tecnoloxías
- A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático ve a iniciativa completamente aliñada coas actuacións que a Xunta pretende acometer na loita contra o quecemento global a través da futura Lei do clima de Galicia
- A reunión de lanzamento do proxecto financiado pola UE a través de Interreg-Poctep tivo lugar na sede do Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación Cetmar en Vigo
O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia participa nun novo proxecto europeo, CAPTA, que coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, traballará pola mellora da resiliencia costeira na eurorexión Galicia-Norte de Portugal, sentando as bases de políticas e instrumentos de planificación que axuden a preservar os ecosistemas litorais e a facer fronte aos riscos climáticos de forma conxunta. Na reunión de lanzamento en Vigo participaron a directora do Cetmar, Paloma Rueda, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez.
Cun orzamento de 1,67 millóns de euros e cofinanciado polo programa de cooperación Interreg España-Portugal Poctep e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Feder, CAPTA permitirá a creación dun marco de cooperación transfronteiriza que permita identificar as ameazas, vulnerabilidades e riscos climáticos aos que se enfrontan os espazos costeiros e establecer actuacións coordinadas para a súa conservación.
O obxectivo é facilitar procedementos homoxéneos e información comparable sobre riscos climáticos, permitindo accións conxuntas e avaliando o papel que prestan os ecosistemas litorais como sumidoiros de carbono mediante o uso de novas tecnoloxías, como satélites, vehículos aéreos non tripulados ou redes neuronais, entre outras.
O proxecto, que botou a andar hoxe coa reunión de lanzamento na sede de Cetmar en Vigo na que Paloma Rueda se encargou de dar a benvida e destacar a relevancia da iniciativa, axudará a identificar novos indicadores ambientais para sistemas de alerta nun escenario de cambio climático, e a aplicar metodoloxías comúns para a análise dos fluxos de CO2 e a captación de carbono azul na costa.
CAPTA contribuirá ademais a identificar as principais ameazas e riscos climáticos na zona costeira e a difundir o valor da cooperación transfronteiriza como apoio para unha mellor adaptación e resiliencia ao cambio climático, implicando especialmente á poboación más nova nestas accións.
Pola súa banda, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático puxo en valor que o proxecto CAPTA está completamente aliñado coas actuacións que a Xunta pretende acometer na loita contra o quecemento global a través da futura Lei do clima de Galicia.
Nesa liña, Sagrario Pérez subliñou que nesa normativa se considera o aumento das absorcións de carbono como un obxectivo das políticas de mitigación e a mellora da capacidade de absorción do sector forestal, agrario e mariño é unha liña estratéxica para acadalo. Polo tanto, o proxecto presentado hoxe terá un papel clave á hora de identificar e analizar os sumidoiros naturais existentes na comunidade e contribuirá a avanzar cara á neutralidade climática.
Importante suma de esforzos
A Consellería do Mar participa activamente neste proxecto a través da Fundación Cetmar, que coordina a iniciativa, e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-Intecmar, aos que se suma a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Meteogalicia, pertencente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Todos eles forman parte do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia e do Observatorio do Marxe Ibérico-Observatorio RAIA.
O consorcio do proxecto Capta complétase coas universidades de Vigo e de A Coruña , o Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, o Instituto Español de Oceanografía-CSIC pola parte española, e as universidades de Porto e Aveiro, o Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores do Porto (Inesc TEC) e o Ciimar como socios portugueses, a maioría deles tamén socios fundadores do Observatorio RAIA.
Operativo desde 2008, RAIA é unha infraestrutura de observación e predición océano-meteorolóxica operativa na eurorexión Galicia-Norte de Portugal da que forma parte o Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia e que proporciona produtos e servizos a sectores clave ligados á economía azul, como o sector marítimo-pesqueiro, o turismo ou a sociedade en xeral.