O GALP Ría de Pontevedra inxecta máis dun millón de euros no sector pesqueiro

  • Dezasete proxectos recibirán financiamento do GALP en 2024 para fortalecer a economía azul, con Sanxenxo e Poio como principais beneficiarios.

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra destinou 1.253.639 euros en axudas durante o último ano para impulsar proxectos que reforcen a sustentabilidade e competitividade do sector pesqueiro. Estas subvencións, financiadas nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e nun 30 % pola Consellería do Mar, permitiron apoiar a 17 iniciativas na rexión.

Sanxenxo e Poio, os máis beneficiados

Os municipios de Sanxenxo e Poio lideran a lista de beneficiarios con cinco proxectos cada un, seguidos por Bueu (tres), e Marín e Meaño con dúas iniciativas cada un. Estes proxectos alíñanse cos principais obxectivos estratéxicos do GALP, entre eles, a mellora da competitividade do sector pesqueiro, o impulso da economía azul e a valorización do patrimonio marítimo.

Impulso a proxectos sociais e empresariais

Dos 17 proxectos financiados, dez teñen un carácter social e están promovidos por entidades sen ánimo de lucro e administracións locais. Entre eles destaca a iniciativa do Concello de Bueu para divulgar o seu patrimonio marítimo e cultural, así como as accións en Poio e Meaño destinadas á formación de guías de turismo patrimonial e a modernización das súas prazas de abastos.

As confrarías tamén foron protagonistas. En Bueu, a de San Martiño instalou unha máquina de clasificación de polbo alimentada con enerxía solar, mentres que a de San Roque de Portonovo adquiriu unha estibadora para mellorar os servizos da súa lonxa. Pola súa banda, a Lonxa de Campelo implementou novas ferramentas para o mantemento dos bancos marisqueiros e impulsou xornadas formativas para os mariscadores.

No ámbito deportivo, o GALP apoiou a Imua Pádel Surf Club Aguete con novo equipamento, ao Real Club Náutico de Sanxenxo co seu proxecto de vela adaptada ‘Mar sen Barreiras’ e ao Club de Piragüa Confraría de Pescadores de Portonovo co seu programa de concienciación sobre a contaminación mariña a través de roteiros en kaiak.

Turismo pesqueiro e economía circular

O sector empresarial tamén recibiu un forte impulso, especialmente no ámbito turístico. En Poio, o patrón maior de Raxó, Yago Tomé, puxo en marcha un proxecto de pesca turismo a bordo do ‘Avó Sebas’. Na mesma liña, Xosé Xulián Ferradás lanzou ‘Carballal Experience’, unha innovadora proposta de turismo en autocaravanas ecolóxicas.

Sanxenxo tamén se suma coa adquisición dunha embarcación accesible para ampliar a oferta de turismo náutico. Mentres tanto, en Meaño, Rías Altas Expres SL está a rehabilitar unha casa rural para fomentar o turismo mariñeiro, e en Poio, Fraga do Rei SL construirá apartamentos turísticos.

En Marín, un restaurante situado nunha casa histórica ofrecerá unha proposta gastronómica sostible baseada en produtos pesqueiros locais. Finalmente, Gomezuhia Investimentos SL reforzou o seu compromiso coa economía circular mediante a incorporación de servizos de reciclaxe e xestión de residuos metálicos.

Próxima convocatoria 2025

O GALP Ría de Pontevedra abrirá en breve a convocatoria de axudas para 2025, mantendo o seu compromiso co desenvolvemento sostible das zonas pesqueiras. As bases e prazos de presentación de solicitudes publicaranse na súa páxina web, onde os interesados poderán obter información e asesoramento personalizado a través do teléfono 886 213 015 ou o correo electrónico gacpontevedra@gmail.com.

Con este plan de apoio, o GALP segue apostando pola innovación e a sustentabilidade do sector pesqueiro, facilitando o acceso a fondos europeos e promovendo iniciativas que dinamicen a economía azul na ría de Pontevedra.