O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo alcalde do concello de lucense de Xove, José Demetrio Salgueiro Rapa, reuníronse hoxe pola mañá co fin de manter un encontro institucional que tivo lugar nas instalacións portuarias de Morás, que desde ata o século XVIII foi un dos grandes portos baleeiros da Mariña, actividade que retomaría entre os anos 1965 e 1976.
Nesta visita polo peirao desde onde se divisan as instalacións portuarias e a planta de Alcoa San Cibrao Alfonso Villares e o rexedor de Xove puxeron sobre a mesa as necesidades da dársena local, que nos Orzamentos de 2024 conta con cen mil euros en recursos para o desenvolvemento do gran proxecto que permitirá contar ao sector marítimo-pesqueiro cun contradique, unha nova explanada e pantaláns dos que hoxe carecen.
Tamén acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo esta tarde unha reunión institucional co alcalde do municipio lucense de Ribadeo, Daniel Vega. O encontro tivo lugar nas instalacións portuarias do municipio, concretamente na zona de acceso ao peirao comercial.
Durante a súa visita Alfonso Villares percorreu as instalacións portuarias, nomeadamente o viario de entrada ao peirao comercial de Ribadeo, o máis importante dentro da rede de dársenas baixo titularidade autonómica en volume de actividade, cun movemento anual de mercadorías de máis de 500.000 toneladas, fundamentalmente de pasta de papel. O conselleiro e o rexedor municipal tiveron oportunidade de comprobar a posta en servizo do sistema de alumeado LED nesta zona do porto.