O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, foi o encargado de realizar a tradicional Ofrenda á Virxe do Carme de Muros. No seu discurso, ante as autoridades e público presentes, o responsable autonómico fixo un repaso polos retos que o mar lles presenta a diario ás persoas que traballan ou se relacionan con el, destacando o seu comportamento, no que valores como a solidariedade, o respecto e o agarimo xunto á colaboración desinteresada dos veciños, é sentido en cada ocasión en forma “de abrazo colectivo, forte e sostido”.
Deste xeito, e logo de expresar a súa satisfacción á confraría desta localidade por facelo partícipe desta Ofrenda a que é a patroa dos pobos mariñeiros, Villares puxo en valor o sector marítimo-pesqueiro, do que sempre recibiu e recibe, dixo, “o que lles ofrezo, completa dedicación e entrega”.
Neste senso, dirixiuse á Virxe do Carme para implorar a súa protección para a xente do mar que é “forte e sacrificada por Galicia e polos seus”. Por iso, esta Ofrenda é a mellor forma de transmitir o apego e o respecto que o Goberno do que forma parte sente polo sector. “Sodes parte da alma de todos os galegos e o voso recordo enche o corazón de Galicia”, manifestou.
O conselleiro rematou a súa intervención, pedindo polos que non tiveron a sorte de volver a porto e polas súas familias que os viron marchar e quedaron coa dor de ver como o mar era o seu último destino e descanso, así como polos mozos que buscan neste medio a ilusión do seu futuro e das súas familias.