- A inscrición para as accións formativas nas áreas de instalacións, composites, redes, madeira, prevención de riscos laborais e emprego está xa aberta
O Centro de Formación A Aixola, que xestiona a Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, inicia en setembro un novo curso con sete accións formativas e un total de 84 prazas destinadas a alumnos vinculados ao sector pesqueiro. As clases impartiranse na súa sede situada no porto de Marín e totalizarán cerca de 1.600 horas de formación de carácter gratuíto.
Destes cursos poderán beneficiarse operarios da pesca, mariscadoras e mariscadores, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro. A preinscrición para participar nos cursos do vindeiro semestre está xa aberta e poderá materializarse a través da páxina web de Aixola.
Os cursos que comezan no mes de setembro pertencen as áreas de instalacións, composites, redes, e madeira. A oferta do centro de formación complétase cun curso online en prevención de riscos laborais no sector pesqueiro e con titorías de apoio ao autoemprego e á busca de emprego.
As 1.575 horas de formación programadas repartiranse así no curso de confección e mantemento de artes e aparellos (330 horas); electricidade e hidráulica básicas aplicadas ao buque (275 horas), e elaboración e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores e laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e en construción naval, ambos de 300 horas.
A oferta de A Aixola para o vindeiro semestre complétase cos cursos de reparación de embarcación pneumáticas (300 horas), soldadura autóxena (20) e PRL no sector pesqueiro (50 horas).
A especialidade do centro dependente da Consellería do Mar, cunha actividade formativa cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (Fempa), é a aprendizaxe baseada no traballo, combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. A metodoloxía de ensino, centrada no aprendiz e nas súas necesidades, é eminentemente práctica e permite unha formación sólida que deriva en altas taxas de inserción laboral do alumnado.
O Centro de Formación A Aixola dirixe a súa actividade aos colectivos de pesca que buscan capacitarse noutros oficios do mar desde 1997, cando iniciou a súa andaina a iniciativa da Consellería do Mar en instalacións da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra. A xestión da entidade é responsabilidade do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar desde o ano 2004.