Mar asina con Craega un convenio para potenciar o consumo e difusión dos productos ecolóxicos de Galicia.

  • O ente público destaca a acuicultura ecolóxica como unha ferramenta necesaria para abrir novos mercados a nivel nacional e europeo
  • A actividade pesqueira, marisqueira e acuícola é un dos principais motores da economía galega 

A consellería do Mar e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) asinaron un convenio co obxectivo de potenciar o consumo e difusión dos produtos ecolóxicos de Galicia. Nesta liña, a consellería do Mar ten entre os seus obxectivos prioritarios a potenciación, difusión e promoción dos sectores e produtos pesqueiros galegos, co fin de intensificar o coñecemento dos mesmos e incrementar así a súa competitividade. 

No marco deste convenio, levaranse a cabo diversas accións para combatir o descoñecemento e promover o consumo da acuicultura ecolóxica certificada de Galicia e os seus alimentos, mediante un acto de presentación da campaña “Ecolóxicos a Mares”. Ademais, tamén se organizarán actividades en espazos públicos co fin de ofrecer unha experiencia culinaria única que combine os alimentos da acuicultura ecolóxica coa influencia en redes sociais, creando un ambiente no que a gastronomía e a conciencia ambiental se atopen. 

Neste sentido, as foodtrucks, coñecidas pola súa versatilidade e accesibilidade, son plataformas ideais para promover a oferta destes alimentos ecolóxicos: desde algas recollidas de maneira responsable, mariscos cultivados en contornas sostibles ata distintos produtos elaborados da acuicultura ecolóxica certificada. Desta maneira, os asistentes terán a oportunidade de probar unha variedade  de pratos preparados con ingredientes seleccionados. 

Con todo, a consellería do Mar contribuirá á realización destas accións cunha aportación económica de 40.000 euros, así como na mellora da situación socioeconómica das xentes que viven destas actividades que nos diferencian do resto de rexións e países.