Ante a actual situación xerada polo vertedura de pellets plásticos fronte a costa portuguesa é máis necesario que nunca que as xentes do mar reivindiquemos, máis forte se cabe, todo ese labor e a profesionalidade e o compromiso pola sustentabilidade e futuro da actividade pesqueira galega. Unha vez máis temos que alzar a voz na defensa da Galicia do mar fronte a desinformación, as mentiras e os bulos.
Desde o sector marítimo-pesqueiro queremos denunciar un novo e inxustificado ataque contra a pesca galega e facer un chamamento en apoio do noso mar e de todas e todos os que del vivimos. O enésimo golpe a un traballo que constitúe o noso día a día e co que pretendemos contribuír a facer unha Galicia mellor.
Non podemos permitir nin aceptar que se xogue de xeito gratuíto e irresponsable co noso pan xerando dúbidas infundadas e maliciosas sobre a calidade e seguridade que hai detrás dos nosos produtos. Constitúe unha falta de respecto a todos os profesionais e a todos os pobos do noso litoral facer crer que esta vertedura é comparable á marea negra que sufrimos a comezos deste milenio.
Tamén é un acto desprezable utilizar imaxes de incidentes con pellets noutras latitudes, como Sri Lanka, ou acudir a unha imaxe de Texas para tratar de enganar á opinión pública, aos nosos consumidores.
Todo este dano reputacional e de imaxe ao noso peixe e marisco pasa unha inmerecida factura e só pode responder a xogos políticos e intereses escuros de terceiros aos cales non lles importaron, en ningún momento, os efectos colaterais para coa xente do mar.
Poñer en tela de xuízo a salubridade do noso peixe e marisco é cuestionar o noso traballo e o de tantos profesionais que, co seu bo facer, compoñen unha engraxada e estrita cadea de controis que constitúen a garantía, tanto para traballadores como consumidores, do cumprimento das normas sanitarias e das boas condicións dos alimentos que chegan aos nosos pratos.

A defensa do medio ambiente, unha bandeira que leva con orgullo o noso sector porque da sustentabilidade depende o futuro, non pode servir de coartada para transmitir falsas informacións que danan de forma moi grave a nosa actividade e xeran un importante prexuízo a todos os profesionais e as súas familias.
O complexo mar-industria galego integrámolo as máis de cincuenta mil familias que vivimos desta actividade, un traballo co que pescadores, mariscadoras, profesionais da acuicultura, da industria transformadora e da distribución fan da nosa comunidade un referente de calidade dos produtos pesqueiros.
Esta excelencia, que defenderemos a capa e espada, ten o aval de múltiples organismos e entidades que desde a independencia e con criterio científico controlan e certifican a calidade e seguridade en cada unha das fases da produción: desde a pesca nas nosas augas ata a venda nas nosas lonxas e puntos de venda, constituíndo unha auténtica garantía para o consumidor final.
Se a nosa comunidade é líder e referente internacional no ámbito pesqueiro é froito da entrega de moitas xeracións pasadas que deixaron unha herdanza que temos que facela valer e respectar, de xeito sereno pero rotundo, fronte os ataques das últimas semanas ao noso sector.
O mar de Galicia é un dos máis controlados e, como resultado, un dos máis vivos e produtivos do mundo. Sinónimo de sabores únicos, de saúde e benestar. De porvir e calidade de vida. Isto non é froito da casualidade senón do bo facer de milleiros de profesionais que, antes e agora, garanten cada día o consumo do mellor do noso mar.
O mar de Galicia coidase.
O mar de Galicia deféndese.
O mar de Galicia é futuro.
Todos co mar de Galicia!
Acordado pola unanimidade dos membros do Consello Galego de Pesca