Máis de 150.000 € de inversión na renovación da envolvente da nave de xeo de Muxia

  • O conselleiro do Mar visitou as obras consistentes na reposición das fachadas e a cuberta do edificio e que se atopan en fase moi avanzada

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir 157.000 euros nos traballos de renovación da envolvente da nave de xeo do porto de Muxía (A Coruña). Así o confirmou esta mañá o conselleiro Alfonso Villares nunha visita ás obras nas que estivo acompañado polo presidente do ente público, José Antonio Álvarez. 

Villares explicou que os traballos foron solicitados polo sector profesional da zona a través da Confraría de Pescadores de Muxía e que permitirán subsanar os desperfectos que presentaba o edificio. En concreto, os traballos consisten na reposición integral da fachada e a cuberta da nave, mellorando a súa impermeabilización e evitando filtracións de auga do exterior. 

Tal como explicou o conselleiro, o proxecto atópase en fase moi avanzada e o fin de obra está previsto para o vindeiro mes de xullo. A actuación inclúe, ademais, a substitución das carpinteirías, incluíndo portas, portalóns, fiestras e rexas. Tamén se renovarán as baixantes e executarase un saneamento soterrado ata a rede de pluviais. Deste xeito, a Consellería do Mar contribúe á mellora das condicións de traballo do sector profesional de Muxía. 

Durante a súa visita e encontro cos representantes municipais e a Confraría de Pescadores, Villares subliñou que esta actuación ven sumarse a outros investimentos de relevancia que a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ven de executar en Muxía. É o caso da reposición da cuberta da lonxa, que contou cun investimento de 200.000 euros ou a renovación do pavimento do bordo portuario, orzamentada en 50.000 euros.