O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a inversión do Goberno galego na mellora das instalacións portuarias da Mariña lucense que alcanzará os 4 millóns de euros este ano. Así o manifestou acompañado pola xefa territorial de Mar, Mariña Gueimunde, durante a visita aos traballos de reparación do muro do espigón da estrada de acceso ao porto de O Vicedo que foi danado polos efectos das fortes chuvias e dos temporais. Unha actuación, sinalou o responsable autonómico, demandada desde a confraría de pescadores, e que súmase a outros traballos de maior envergadura previstos ao longo do presente exercicio noutras instalacións portuarias como a dragaxe do peirao de Ribadeo, o reforzo do dique de abrigo de Burela, a ampliación das instalacións para embarcacións menores en Celeiro ou acondicionamento dos locais de armadores no porto de San Cibrao entre outras. Sete das actuacións previstas suporán un investimento plurianual de 14 millóns de euros.
Por outra banda o titular de Mar resaltou que desde o 2009 a Xunta despregou diversas accións en apoio do sector da pesca nos ámbitos da competitividade e innovación tecnolóxica, na ordenación e xestión dos recursos mariños e na área de desenvolvemento pesqueiro en apoio da actividade pesqueira deste municipio. Estas, sumadas ás actuacións desenvolvidas por Portos na mellora e mantemento das infraestruturas portuarias supuxo unha inversión de 1,3 millóns de euros, cifras que para o conselleiro reflicten o inequívoco compromiso do Executivo autonómico co sector pesqueiro, estratéxico para a economía galega, e coa renovación e modernización da rede de peiraos galegos xestionados por Portos de Galicia.