- O titular de Mar destacou o labor dos GALP na promoción de proxectos que teñen por piares revalorizar o patrimonio mariño do territorio, diversificar a actividade económica no litoral e promover o desenvolvemento sostible
- Este proxecto supuxo a creación dun espazo no que se elaboran tapices reciclando redes en desuso, se imparten cursos e obradoiros de creación artística e cociña así como residencias artísticas e eventos
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o impacto positivo das iniciativas innovadoras que reciben o respaldo dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) que permiten revalorizar o patrimonio cultural das zonas pesqueiras, diversificar as actividades económicas no litoral e promover un desenvolvemento sostible. Así o manifestou acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, durante a visita ás instalacións de Enmalle Studio no concello coruñés de Oleiros beneficiaria destas axudas que permitiron poñer en marcha este espazo de creación artística onde cultura e sostebilidade se dan a man.
O titular de Mar puido coñecer en primeira persoa as diversas actividades que se levan a cabo neste centro da man da súa responsable, Mar Fraga, e que nun inicio naceu para a elaboración de tapices de gran tamaño utilizando como material as redes en desuso recicladas, outorgándolles unha segunda vida. Na actualidade tamén se realizan outras actividades como cursos e obradoiros sobre arte, medio ambiente, reciclaxe ou artesanía. Tamén funciona como residencia artística facilitando un espazo adecuado no que se podan hospedar artistas de diferentes disciplinas e no que desenvolver a súa actividade creativa sendo á vez un punto de encontro no que compartir experiencias e novos enfoques.
Alfonso Villares resaltou a aposta pola sustentabilidade desta iniciativa, ideada pola súa promotora durante o confinamento na pandemia, presente tanto no fondo, coa reutilización de materiais que forman parte do lixo mariño, como na forma, cunha construción en madeira, sen xerar residuos, e minimizando a pegada de carbono na súa edificación e no seu mantemento. A isto hai que sumar que o centro é alimentado mediante enerxías renovables. Todo nun entorno privilexiado e de importante valor paisaxístico e medioambiental na cabeceira da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo e ao carón da Rede Natura 2000.
O responsable autonómico tamén coñeceu a parte gastronómica deste proxecto que conta cun espazo onde se imparten obradoiros de cociña nos que o produto local e ó auténtico protagonista das elaboracións, achegando unha cociña sostible e de proximidade, difundindo tamén as calidades e propiedades nutritivas e culinarias dos peixes e mariscos da zona, promovendo a súa vez hábitos alimenticios saudables.
Alfonso Villares reiterou o compromiso do Goberno galego de continuar apoiando a través dos GALP este tipo de proxectos innovadores e aos seus promotores xa que permiten continuar avanzando cara un desenvolvemento económico sostible, contribuíndo á vez á dinamización económica dos concellos costeiros mediante a promoción e posta en valor do patrimonio natural e o turismo sostible e inclusivo.