IGAFA: Un salto internacional para a formación en mergullo

  • O centro galego logra a homologación IMCA, abrindo novas oportunidades laborais para o seu alumnado

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) logrou unha fito clave na súa traxectoria ao obter a homologación da súa formación de Técnico de Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas (TOSH) por parte da International Marine Contractors Association (IMCA). Este recoñecemento posiciona ao centro como o primeiro de carácter público en España en alcanzar este aval, permitindo que os seus titulados poidan acceder a oportunidades laborais no estranxeiro dentro do sector do mergullo profesional.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou o centro, destacando que este logro certifica os esixentes estándares de calidade e formación que caracterizan aos centros marítimo-pesqueiros de Galicia. Ademais, subliñou o papel crave do equipo docente e dos programas educativos do Igafa, que non só preparan aos seus estudantes coas mellores ferramentas, senón que tamén promoven a innovación e a colaboración con sectores industriais e organismos internacionais.

Formación punteira con instalacións de vangarda

Para obter a homologación, o Igafa recibiu a visita de representantes do IMCA, quen avaliou positivamente os seus procesos formativos, a infraestrutura e o equipamento. O centro conta con modernas instalacións como unha piscina interior, un foso-piscina exterior, unha cámara hiperbárica, estación de carga de gases e un campo de prácticas no mar, ademais de talleres especializados en soldadura e mecánica, e varias embarcacións de adestramento.

Desde a súa fundación en 2001, máis de 200 profesionais obtiveron a titulación en TOSH no Igafa, un centro recoñecido desde 2019 como Centro de Referencia Nacional. Actualmente, ofrécense 12 prazas neste ciclo de carácter bianual, cunha inserción laboral do 100%, o que reflicte a alta demanda desta formación especializada.

Ademais do TOSH, o Igafa imparte outros cursos complementarios como iniciación ao mergullo profesional, mergullador de primeira e segunda clase, primeiros auxilios e programas de reciclaxe para profesionais do sector. Tamén ofrece ciclos de Técnico en Acuicultura e Cultivos Acuícolas, cun total de 97 estudantes no presente curso, dos cales o 37% son mulleres.

Con esta homologación, o Igafa reforza o seu papel como referente na formación marítima e acuícola, impulsando a Galicia á vangarda da capacitación profesional no ámbito subacuático e abrindo novas oportunidades para os seus estudantes máis aló das fronteiras españolas.