“Galicia sabe amar” encara a recta final do ano centrando a súa promoción dos productos do mar na saúde, os eventos deportivos e as citas de nadal

  • Alfonso Villares destaca como fundamental conseguir levar peixes, mariscos e conservas aos fogares por ser unha fonte fundamental de calidade de vida
  • A Xinzo de Limia e Lugo sumaranse localidades como Celanova, Tui, Campo Lameiro, Boimorto, O Barqueiro, Ferrol ou Pontedeume con citas deportivas e mercadiños    
  • O conselleiro destacou o éxito dunha campaña que visitou xa máis  de 400 municipios de toda Galicia e España e que vai camiño de conquistar o padal de 400.000 persoas    
  • A Xunta continuará a reforzar este traballo por levar estes alimentos froito da pesca e da acuicultura de novo ás cestas da compra mentres reclama a rebaixa do IVE

A campaña GALICIA SABE AMAR da Consellería do Mar encarará a recta final do ano centrando o seu esforzo por promocionar ao longo e ancho de toda a xeografía galega os mellores sabores dos produtos do mar de Galicia centrándose na súa importancia para a saúde e situando as súas foodtrucks nalgúns dos principais eventos deportivos e citas relacionadas co Nadal que terán lugar nas próximas datas. As primeiras paradas foron hoxe a partir do mediodía en Xinzo de Limia, na celebración do campionato provincial federado de campo a través Cross Antioquía e no transcurso do partido de Copa do Rei do C. D. Lugo co C. D. Mirandés celebrado no estadio Anxo Carro da cidade da Muralla, a onde se achegou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.                

O responsable autonómico visitou nos prolegómenos deste partido de fútbol de primeiro nivel a furgoneta gastronómica que, xunto ás súas outras tres que participaron na campaña, percorreron xa máis de 400 municipios repartidos por toda Galicia e boa parte de España, e que van camiño e están cada vez máis preto de conquistar o padal dunhas 400.000 persoas cos seus petiscos a base de peixes, mariscos e conservas. Alfonso Villares considera que son cifras que amosan o éxito dunha iniciativa que, nos últimos tempos, focalizou as súas visitas nos consellos do interior de Galicia.

Alfonso Villares sinalou que nestes compases finais do ano o obxectivo da Xunta de Galicia é o de poñer en valor máis os produtos pesqueiros e o traballo dos profesionais do mar porque, co seu traballo, contribúen á garantir unha alimentación fundamental para a saúde e que contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas consumidoras. Ás citas deportivas deste mércores sumaranse no que resta de semana tanto mercados de Nadal como carreiras pedestres e outras citas para distintos tipos de atletas en Celanova, Tui, Campo Lameiro, Boimorto, O Barqueiro, Ferrol ou Pontedeume, localidades ás que se irán sumando novos destinos de aquí a final de ano.    

O titular de Mar defendeu que levar as mesas deste Nadal os produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura galegas son básicas para gozar dunha mellor saúde, polo que son fundamentais para todas as idades, das xeracións máis novas ás máis veteranas, e tanto para as persoas máis activas e deportistas como as sedentarias. As propiedades gastronómicas e nutricionais dos alimentos pesqueiros están máis que probadas e forman parte dunha dieta atlántica que é sinónimo dun modo de vida equilibrado e saudable.

Alfonso Villares sinalou que, dentro das súas competencias, a Xunta de Galicia seguirá a promover que se consuman máis peixes, mariscos e conservas entre todos os galegos e tamén fóra da comunidade, aumentando a presenza das empresas do sector en feiras e salón alimentarios onde o mar de Galicia e xa sinónimo da máis alta calidade.  

Reducir á fiscalidade 

Onde o conselleiro do Mar continuará a ser belixerante será na demanda que desde hai máis de dous anos se reclama ao Goberno do Estado para que rebaixe o IVE para o peixe, o marisco e as conservas, recordando que é unha demanda na que a Xunta acompaña ao propio sector pesqueiro e á que o Executivo de Pedro Sánchez se pecha en banda sen explicar os seus motivos. Volveu a destacar Alfonso Villares que esta arbitraria decisión supón unha desvantaxe competitiva para a actividade pesqueira e a comercialización dos seus produtos, especialmente nun contexto económico inflacionista como o actual, pois obrígase a alimentación mariña a competir cunha doutros produtos si subvencionados. 

Insiste o titular de Mar en que este agravio comparativo constitúe non so un golpe á actividade de todos os homes e mulleres que viven do mar, senón unha desacertada decisión en materia de saúde. Se o análise se fai en materia económica, xa non é so que Portugal ou Francia, entre outros moitos países, tomasen xa un camiño que mesmo receita a Comisión Europea: estudos encargados a expertos académicas das universidades galegas certifican que baixar o IVE á metade, do 10 ao 5%, permitiría xerar só en Galicia máis de 5.500 novos empregos e un valor engadido bruto de 28,5 millóns de euros.