“Galicia Sabe Amar” achega o mar á mocidade en Xove

  • A campaña gastronómica promove o consumo de peixe e marisco en eventos deportivos para impulsar hábitos saudables e visibilizar o sector pesqueiro galego.

O pavillón municipal de Xove non só foi escenario dun intenso partido de fútbol sala, senón tamén dunha acción crave para a promoción do produto pesqueiro galego. No marco da campaña Galicia Sabe Amar, unha food truck levou ata o evento os sabores do mar, achegando o peixe e o marisco aos asistentes mentres se disputaba o encontro de Segunda División B entre o equipo local e o Noia Portus Apostoli FS B.

A iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia, busca reforzar o consumo de produtos pesqueiros dentro dunha dieta equilibrada, especialmente entre os máis novos. Nun contexto de descenso do consumo, este tipo de accións perseguen non só poñer en valor o sabor e a calidade do marisco e peixe galego, senón tamén destacar os seus beneficios nutricionais.

A mensaxe é claro: a combinación dunha alimentación baseada en produtos do mar coa práctica deportiva é unha aposta segura pola saúde. Numerosos estudos avalan o papel do peixe na prevención de enfermidades cardiovasculares e inflamatorias, un argumento crave para motivar a novas xeracións a incluílo na súa dieta.

Máis aló da vertente saudable, Galicia Sabe Amar é tamén un recoñecemento a un sector estratéxico para a comunidade, do que dependen máis de 50.000 empregos e que supón preto do 5% do PIB galego. Calidade, tradición e sustentabilidade son os piares que sustentan a pesca e o marisqueo en Galicia, e campañas como esta reforzan o seu papel na gastronomía e a economía da rexión.

O percorrido de Galicia Sabe Amar continuará por diferentes puntos da comunidade, levando a mensaxe de que o mar galego é moito máis que un recurso: é identidade, saúde e futuro.