- A Xunta defende a continuidade das cotas de captura e critica a falta de diálogo co sector
Galicia volve alzar a voz en defensa da súa frota de cerco. A Consellería do Mar remitiu un novo escrito á Secretaría Xeral de Pesca esixindo o mantemento dos criterios de repartición da cota de bocarte establecidos na resolución de marzo de 2024. Esta petición busca garantir a estabilidade do sector nun contexto de incerteza, á vez que denuncia a falta de transparencia na xestión da pesqueira por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
O goberno autonómico insiste na necesidade de conservar o esquema de asignación vixente, que distingue entre embarcacións de máis de 120 GT ou de menos tonelaxe pero cunha tripulación de polo menos 12 persoas dadas de alta na Seguridade Social, e o resto da frota. Ademais, demanda que a frota de cerco poida consumir o 80% da súa cota de bocarte da zona 8 do CIEM (ANE/08) no primeiro semestre do ano, reservando o 20% restante para o segundo semestre de 2025.
Esta solicitude non é nova. A Xunta xa enviou unha primeira carta o pasado 13 de febreiro sen obter resposta. Agora, ante a inminente publicación dunha nova resolución estatal sobre a ordenación desta pesqueira, o executivo galego intensifica a súa presión, alertando dos posibles cambios que afectarían directamente os profesionais do sector. Desde a Consellería do Mar critican que a frota galega non foi consultada neste proceso, impedíndolle achegar propostas e expor as súas necesidades.

A esta preocupación súmase a crecente incerteza sobre un posible cambio no modelo de xestión. A Xunta denuncia que se está falando de modificacións das que a Administración autonómica non ten ningunha información oficial, o que xera desconcerto entre os armadores e pescadores galegos. A Consellería solicitou reiteradamente detalles á Secretaría Xeral de Pesca sen obter unha resposta clara, o que pon en dúbida a transparencia e a coordinación na toma de decisións.
Un sector en albas ante a asignación do TAC 2025
O contexto normativo tamén xoga un papel crave. O Regulamento (UE) 2025/02 do Consello, aprobado o pasado 30 de xaneiro, fixa en 30.663 toneladas o Total Admisible de Capturas (TAC) de bocarte, das cales 27.597 corresponden a España. A pesar da estabilidade relativa que establece unha repartición do 90% para a frota española e o 10% para a francesa, nos últimos anos ambos os países negociaron acordos sectoriais que posteriormente son referendados polos seus respectivos gobernos.
A Xunta subliña a importancia de manter un diálogo fluído co sector pesqueiro galego, garantindo que as decisións políticas sexan compatibles coa realidade operativa da frota. Para iso, insiste en que a Secretaría Xeral de Pesca debe actuar con maior transparencia e ofrecer garantías de estabilidade a unha actividade económica fundamental para Galicia. Nun escenario onde as negociacións e regulacións europeas marcan o futuro do sector, a comunidade galega esixe que os seus intereses sexan escoitados e respectados.