- Despois da exitosa presenza de 25 coexpositores do sector transformador en Alimentaria 2024 en Barcelona en abril acudirase ao Fórum Gastronómico na Coruña, o Salón Gourmets de Madrid e a Seafood Expo Global de novo na Cidade Condal
- A Consellería do Mar reforzou este ano nun 30% os fondos para a dinamización dos mercados, dos produtos de calidade diferenciada e do consumo dos alimentos do mar, mobilizando preto de 42 millóns de euros.
Galicia pretende continuar este ano coa promoción no exterior das empresas do sector marítimo-pesqueiro co fin de continuar a manter as boas cifras en materia de internacionalización, tras bater o ano pasado de novo todas as marcas en exportación dos produtos do mar ao roldar os 2.800 millóns de euros. A partir do próximo mes de abril e ata finais de ano serán 14 as feiras e salóns onde, a través dos stands da Consellería do Mar, se poderá coñecer unha oferta repleta de novidosas propostas e de alimentos da maior calidade.
O primeiro trimestre do ano pechouse a pasada semana coa presenza en Alimentaria 2024 en Barcelona, salón que recorreron preto de 108.000 visitantes profesionais e ao que se achegou o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, para visitar aos representantes das 25 empresas coexpositoras da cadea mar-industria que, nunha cita con presencia de 3.200 empresas de máis de 60 países, brillaron con luz propia as propostas de alimentación galegas para fogares e restauración.
Nestes tres meses tamén se participou con éxito nos principais encontros comerciais e gastronómicos cos que arrinca o ano, como foron Madrid Fusión, Gulffood Dubai (Emiratos Árabes Unidos-EAU), Seafood International Bremen (Alemaña), Foodex (Xapón) e tamén na Seafood Expo North America Boston (EE.UU). Toda esta presenza, sumada a campañas como GALICIA SABE AMAR e AMAR GALICIA, permitiron difundir a calidade, propiedades nutricionais e beneficios para a saúde que hai detrás dos alimentos mariños.
O próximo mes de abril será intenso en participación da Consellería do Mar en feiras e salóns alimentarios, comezando entre os días 7 e 9 co Fórum Gastronómico que se celebra na Coruña. A continuación acudirase a outras das grandes citas culinarias do panorama español e internacional como é o Salón Gourmets de Madrid, entre os días 22 e 25, unha cita que correrá parella ao Seafood Expo Global Barcelona, que suporá o regreso á Cidade Condal do 23 ao 25 de abril e se celebra xunto ao Seafood Processing Global, constituíndo unha cita fundamental para a industria transformadora dos alimentos do mar.
En maio está prevista a participación na feira da construción naval Navalia en Vigo, e para xuño contémplase acudir á Salimat Abanca Silleda e á Fancy Food de Nueva York. En agosto terá lugar Equiocio e en setembro viaxarase ata a Seafood Expo Asia, para un mes despois estar presentes no salón SIAL de París, en Conxemar en Vigo e na San Sebastián Gastronómica. No treito final do ano a Consellería do Mar participará e dará pé a que acudan pemes coexpositoras a Expo Xantar Ourense e a Expomar Cabo Verde.
Aposta estratéxica
Co fin de continuar coa tendencia pola que Galicia leva varios anos consecutivos marcando novos récords exportadores dentro da pesca, a acuicultura e a transformación destes alimentos, a Xunta reforzou nun 30% nos Orzamentos do 2024 os fondos para a dinamización dos mercados, dos produtos de calidade diferenciada e do consumo dos alimentos do mar, con preto de 42 millóns de euros.