Galicia leva o seu modelo de xestión no ámbito da pesca, a acuicultura, do control e trazabilidade dos alimentos marinos a Serbia

  • A Administración autonómica forma parte dun proxecto de cooperación liderado pola Secretaría Xeral de Pesca co país balcánico coa finalidade fortalecer e converxer a súa lexislación e industria coa da Unión de cara a súa posible integración 
  • O Goberno galego participa activamente neste iniciativa debido a súa ampla experiencia na xestión pesqueira e acuícola así como na súa condición de principal rexión pesqueira de Europa 

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, desprazouse ata Belgrado, capital da República de Serbia, como parte da delegación española liderada pola Secretaría Xeral de Pesca para participar no acto de lanzamento do proxecto de cooperación co goberno do país balcánico baixo o título: ‘Maior desenvolvemento da lexislación pesqueira nacional’. O obxectivo é fortalecer a capacidade de xestión do Executivo serbio no ámbito do sector pesqueiro e acuícola en liña cos criterios e normativa comunitaria de cara a súa posible integración na Unión Europea. 

A Xunta, como administración con competencias en pesca e acuicultura, participa compartindo a súa ampla experiencia na regulación e xestión destas actividades entre as que se inclúe o procesado de produtos mariños así como o control e trazabilidade dos mesmos. Esta iniciativa, executada pola Fundación Internacional e para Iberoamérica de Administración e Políticas Públicas (FIIAPP), terá unha duración de 8 meses e a previsión e que Galicia teña unha presenza destacada no seu desenvolvemento.

Twinning Pojects

Este proxecto é un dos denominados ‘twinning projects’, que son instrumentos da Unión Europea para a cooperación institucional entre administracións públicas dos Estados membros da Unión e países beneficiarios ou socios. A finalidade e brindar apoio para a transposición, implementación e cumprimentos da lexislación comunitaria fortalecendo as capacidades das administracións públicas dos Estados beneficiarios ao longo do proceso de adhesión, dando como resultado avances progresivos e positivos nas súas respectivas rexións.