- A Xunta reforza a investigación e mobiliza fondos para a rexeneración dos bancos marisqueiros, mentres critica a falta de apoio do Goberno central ante a crise dos bivalvos.
A Xunta de Galicia anunciou a mobilización de máis de 50 millóns de euros en investimentos destinados á recuperación e mellora do sector marisqueiro. Segundo explicou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, estes fondos buscan apoiar aos profesionais afectados pola paralización da actividade, mellorar a conservación da biodiversidade e restaurar os ecosistemas mariños, tras os episodios de elevada mortaldade de bivalvos rexistrados o ano pasado.
Durante a súa intervención na Comisión 8ª do Parlamento galego,que a situación actual do sector marisqueiro responde a un fenómeno cíclico e sen precedentes, inserido nunha evolución natural da produción de moluscos bivalvos en Galicia. Para paliar os efectos desta crise e reforzar a resiliencia do sector, a Xunta destinou máis de 4 millóns de euros a proxectos de investigación mariña, co obxectivo de desenvolver solucións que melloren a produción e a resposta fronte ás condicións ambientais adversas.
Entre as principais liñas de investigación, Villaverde subliñou o traballo de centros como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e a plataforma Redemar. Estes organismos colaboran estreitamente co sector e coas universidades galegas para avanzar en aspectos clave como a mellora da obtención de sementes, a creación de estirpes máis resistentes e a análise dos factores que afectan á produtividade dos bancos marisqueiros.
A directora xeral tamén lamentou a “nula implicación” do Goberno central, que bloqueou a habilitación de axudas específicas solicitadas por Galicia tras o episodio de alta mortaldade de bivalvos do ano pasado, cando se pediu a declaración de zona catastrófica. Fronte a esta inacción, a Xunta movilizou fondos propios e europeos para apoiar ao sector.
En relación co Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia, Villaverde defendeu este documento como unha ferramenta fundamental, deseñada en colaboración co sector, para dar resposta ás necesidades dos profesionais e promover a rexeneración dos bancos marisqueiros. O plan é dinámico e adaptativo, permitindo axustarse ás circunstancias cambiantes e á información científica máis actualizada.
Finalmente, subliñou que Galicia mantén un modelo de xestión do marisqueo baseado en plans trienais que inclúen medidas tanto extractivas como de conservación do hábitat e da fauna mariña. Este enfoque, que conta co aval da Comisión Europea, permite unha explotación sostible dos recursos mariños e axuda a preservar o equilibrio ecolóxico dos bancos marisqueiros fronte a factores como o cambio climático, a temperatura da auga, a salinidade e a interacción con depredadores.
Este compromiso, explicou Villaverde, demostra a firme aposta do Goberno galego pola protección e a viabilidade do sector marisqueiro, clave para a economía costeira de Galicia.