Galicia demanda eliminar as TAC en especies accesorias e que se completen os análisis existentes para coñecer o estado real dos recursos pesqueiros

  • A proposta galega afecta ao abadexo, o linguado, o merlán, a maruca, e a solla nos caladoiros do Gran Sol, Cantábrico, Noroeste, Francia e Escocia, pola falta de información científica que avale a necesidade de limitar o esforzo pesqueiro
  • Destaca que en moitos casos son TAC que levan invariables nas súas cifras máis de 5 anos e a considerable redución do esforzo pesqueiro de impacto sobre estas especies
  • O documento remitido pola Xunta ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sinala unha aplicación excesiva do principio de precaución pola Comisión Europea sen ter en conta aspectos ambientais, sociais ou económicos  

A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica presentou ante a Secretaría Xeral de Pesca (SXP) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación un escrito no que demanda ao Goberno central a eliminación dos totais admisibles de capturas (TAC) sobre especies accesorias dado que non existen informes científicos concluíntes sobre o estado real destes recursos pesqueiros en varios caladoiros comunitarios. Unha medida, en todo caso, que supedita á adopción de medidas técnicas de xestión sobre estas especies. 

O documento menciona especificamente a situación do abadexo -en augas do Gran Sol, Cantábrico, Noroeste, e augas de Escocia-, o linguado e o merlán -nas augas do Cantábrico, Noroeste e Francia-, a maruca – en augas internacionais-, e a solla -en augas do Cantábrico, Noroeste e Portugal. O Goberno galego esgrime varios argumentos nos que sustentar a petición, como que se trata de especies sometidas a un esforzo pesqueiro non dirixido, salvo casos específicos de pouca entidade, e centrados nun menor número de buques de artes menores da flota costeira artesanal. 

Nesta liña destaca a existencia de precedentes na eliminación de TAC sobre a limanda e a platixa europea no Mar do Norte en base a ditamines científicos que indican un risco baixo ou a ausencia de risco de explotación insostible e sinala esta medida como a mellor opción ante a súa posible conversión en especies de estrangulamento. Por outra banda subliña que, aínda que se trata de TAC establecidos de xeito preventivo e propoñendo en varias ocasións recortes xenéricos do 20% aplicando o principio de precaución, son cotas estables no período 2010-2023, manténdose en moitos casos invariables nas súas cifras durante máis de cinco anos.  

Redución do esforzo pesqueiro 

A dirección xeral aporta máis datos nos que cimentar a petición relativos á considerable redución do esforzo pesqueiro de impacto directo sobre estas especies xa que o principal desembarque procede da frota de palangreiros de fondo e redes de enmalle que se viu reducida nos últimos anos no Gran Sol e no caladoiro do Cantábrico e Noroeste. A isto suma a escasa consideración do volume de desembarques cunha media de 701 toneladas anuais respecto ás cantidades desembarcadas de media en pesqueiras que capturan estas especies. Unha cantidade de escasa entidade que representa en torno ao 0,42% do total da pesca galega desembarcada polas frotas que exercen esforzo pesqueiro sobre elas.   

Escaseza de datos 

A Administración galega denuncia unha aplicación excesiva do principio de precaución dun xeito lineal e con escaseza de datos á vez que lamenta que a Comisión Europea non manteña un equilibrio con outros aspectos relevantes como o ambiental, o social e o económico, poñendo un foco en exclusiva no apartado relativo ao recurso. Neste punto sinala que a propia Política Pesqueira Común dispón, “os efectos das actividades pesqueiras, incluídos os descartes sobre as especies que non son obxecto de pesca, especies asociadas ou dependentes, así como as condicións ambientais, sociais e económicas”, en liña coas recomendacións da FAO (Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura).

No escrito expón que a proposta de TAC realizada polo ICES (Consello Internacional para a Exploración do Mar) é establecida en base a cuestións moi diversas sen que exista unha base sólida para a súa determinación polo que, ante a debilidade de datos, demanda un proceso para completar os análises existentes en aras dun mellor coñecemento do estado dos recursos e dunha mellor adecuación dos TAC ou incluso a súa eliminación ante o escaso nivel de risco de conservación existente.