- A Dirección Xeral de Pesca consegue que a frota do xeito poda seguir coa pesqueira e continuar coas capturas ata que remate o mes de decembro
- Para o abadexo o Ministerio agarda que se poda reabrir ao longo do mes, pero sinalan que o período dependerá da cantidade dispoñible do recurso, que é moi limitada
- No caso do alfonsino considérase que a marxe de manobra é moi limitada dadas as reducións de cotas, pero analízanse opcións de xestión que permitan a reapertura
A Dirección Xeral de Pesca solicitou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a asignación de cota adicional de tres especies afectadas por resolucións de peche das súas pesqueiras, como son a sardiña, o badexo e o alfonsiño que permitan reanudar as capturas o que queda de ano.
No caso da sardiña, desde Galicia solicitouse que as embarcacións da frota do xeito dedicadas á captura deste peixe poidan seguir faenando durante todo o mes de decembro, tal como se indica na orde que autoriza a prolongación da pesqueira para esta arte de enmalle ata final de ano, toda vez que, a través do mecanismo de optimización, minorouse a súa cota en máis de 300.000 quilos.
Desde a Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio sinálase que pola súa banda vaise a poder continuar a pesqueira, pois hai cota dispoñible. Ademais, coinciden en que o xeito ten esa posibilidade baixo a citada orde ministerial vixente e a resolución da propia Secretaría do 17 de marzo que establecía a apertura da pesqueira.
En canto ao abadexo, a dirección xeral que pilota Antonio Basanta reclamou que, tal e como está a evolución do consumo, se articule, a través do mecanismo que resulte máis axeitado, que se poda dispoñer ata final de ano dunha cantidade adicional que cubra as necesidades de cota dispoñible para a zona CIEM VIIIc (Golfo de Vizcaya sur, Cantábrico e norte de Galicia), sopre todo porque decembro é o mes con mellores prezos para este peixe. Ademais, demandouse considerar o feito do alto nivel de dependencia desta especie das embarcacións desta comunidade galega.
A resposta do Ministerio sobre o abadexo é que se poderá reabrir este decembro, pero o período final dependerá da cantidade dispoñible, que cualifica como moi limitada neste momento tras o peche precautorio decretado o pasado 23 de novembro.
Por último, para o alfonsino, que se pechou para as frotas que faenan na Unidade de Xestión 2 (zonas CIEM 6,7 e 8abde), desde Galicia solicitouse tamén unha cantidade adicional para a pesqueira desta especie co fin de poder chegar a final de ano. Sobre este peixe desde o Ministerio trasladouse que a marxe de manobra é moi pequena e que se están a analizar opcións de xestión e algún swap ou intercambio.
Conclave pesqueiro da UE
A Xunta de Galicia continúa a traballar para tratar de maximizar as posibilidades de pesca para o que resta de 2023 mentres ultima os seus argumentos e demandas de cara á negociación das cotas e totais admisibles de capturas (TACs) para 2024, negociación que se pechará entre o próximo domingo día 10 e o martes día 12 no Consello de Ministros de Pesca que se celebra en Bruxelas, localidade á que se trasladarán o conselleiro de Pesca, Alfonso Villares, así como o propio Antonio Basanta, para manter reunións con representantes do sector e outras rexións con intereses pesqueiros e seguir polo miúdo os avances neste fundamental proceso para a frota galega.
Entre as reunións previstas hai un encontro coa delegación da Bretaña francesa encabezada por Daniel Cueff, vicepresidente de Mar e Litoral desta importante zona pesqueira gala coa que Galicia comparte a presidencia do Grupo Central de Traballo Marítimo e de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM),